O Pazo de San Marcos acolleu a presentación de ‘Agora non é antes’

LugoXa
O Club Cultural Valle-Inclán comezou a celebración do seu 60 aniversario cun ciclo de actividades sobre a evolución social e política de Galicia
acto-Asociación-Valle-Inclán-presentacion-libro-Lugo
24 Mar 2026

O Pazo de San Marcos de Lugo acolleu a presentación do libro Agora non é antes, do filósofo Antón Baamonde, nun acto no que estivo acompañado polo xornalista e profesor Manuel Gago e por Felipe Arias Vilas, vicepresidente do Club Cultural Valle-Inclán. A cita formou parte das actividades organizadas pola entidade para conmemorar o seu 60 aniversario, co obxectivo de promover a reflexión arredor da evolución social e política de Galicia.

No marco desta celebración, tamén se informou de que se atopaba en proceso de edición o libro '60 anos. Club Cultural Valle-Inclán', obra de Antonio Prado Gómez. Ademais, o colectivo anunciou a continuidade da súa programación habitual, que inclúe ciclos de cinema, sesións de Filmoteca, viaxes culturais e iniciativas vinculadas ás Letras Galegas.

O programa conmemorativo continuará o 23 de abril cunha mesa redonda centrada no pasado, baixo o título 'Antes', na que participarán figuras da política lucense activas nas décadas de 1960 e 1970, como Carlos Dafonte Díe, Lois Diéguez Vázquez, Alfredo Sánchez Carro, Cándido Sánchez Castiñeira e Miguel Vázquez Calvo. A sesión estará moderada polo profesor e articulista Santiago Fernández Rocha.

Posteriormente, o 7 de maio, desenvolverase unha segunda mesa redonda dedicada ao presente, 'Agora', coa intervención de Alicia Carballedo Portela, directora de Radio Lugo-SER; Olga Louzao Aldariz, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración; Serxio María Rodríguez Álvarez, politólogo e historiador; e Fernando Suárez Barcia, graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos. O debate será conducido por Xosé Ramón Cando Vázquez.

O ciclo pecharase o 28 de maio cunha conferencia titulada 'O estado do mundo hoxe e nós. ¿Está en perigo a democracia?', impartida por Antón Losada e presentada pola presidenta do club, Tonina Gay. Todas as actividades estaban previstas no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo ás 19:30 horas.

0.13196682929993