O Pazo dos Deportes de Lugo estreou un novo sistema de son co inicio das ligas de baloncesto. Operarios da empresa A.S.A.-Son instalaron os novos equipos, suspendidos na estrutura do edificio, que substitúen os antigos altofalantes situados nas inmediacións da pista, mellorando así a sonoridade e liberando espazo para o persoal técnico e de prensa durante as retransmisións dos partidos.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou que "esta renovación responde a un requerimento da ACB ao CB Breogán para o inicio da temporada", e enmarca esta mellora na actualización xeral das instalacións do Pazo. Ademais do novo sistema de son, durante o verán realizáronse outras actuacións como o pulido da pista, a substitución de luminarias e proxectores, e a mellora da accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Tamén se está a estudar a instalación dun videomarcador central, pendente de confirmar a viabilidade técnica.
Avanzan, así mesmo, as obras de construción dos novos vestiarios para os equipos de base que xogan e adestran no Anexo do Pazo. Con un investimento de 236.000 euros, os traballos acondicionarán un espazo de 121 metros cadrados na planta baixa, con aseos e vestiarios femininos e masculinos. A intervención inclúe a apertura dunha nova porta na fachada para garantir o acceso independente a cada un dos vestiarios. Estas melloras buscan modernizar as instalacións e adecuarse ás esixencias deportivas actuais, garantindo maior confort e funcionalidade para xogadores e público.