O Pazo proxectará o partido do Ensino en Valencia para apoiar ao equipo no play off

A Deputación de Lugo habilitará o Pazo Provincial dos Deportes para seguir en directo o decisivo encontro entre o Ensino Lugo e o Valencia Basket, correspondente ao partido de volta do play off polo título da liga feminina de baloncesto.
A cita será o domingo 3 de maio ás 18.00 horas, momento no que o partido se proxectará nas pantallas do videomarcador do recinto. A iniciativa está impulsada pola Vicepresidencia da Deputación en colaboración co propio club lucense, co obxectivo de reunir á afección que non poida desprazarse ata Valencia.
O vicepresidente provincial, Efrén Castro, subliñou o carácter especial da tempada do Ensino, destacando a súa clasificación tanto para a Copa como para a fase polo título. Neste sentido, explicou que a proxección busca non só ofrecer un espazo compartido para seguir o encontro, senón tamén visibilizar o traballo do equipo e trasladarlle o apoio da cidade e da provincia nun momento clave da competición.
O conxunto lucense afronta este encontro coa dificultade de remontar o resultado da ida, que rematou cun 72-85 favorable ao equipo valenciano, nun duelo no que se xogará o pase á seguinte fase.