O Pazo xa exhibe o mural de Rubén Paz en homenaxe ao Ensino

O Pazo dos Deportes de Lugo luce xa na súa fachada oeste un mural dedicado ao Ensino, creado polo artista urbano Rubén Paz, un dos creadores lucenses con maior proxección internacional. A intervención ocupa unha superficie de 30 metros de ancho por 15 metros de alto, converténdose nunha peza de gran impacto visual que transforma o espazo exterior do recinto.
A obra rende tributo á traxectoria do club Ensino, consolidado como un referente do deporte na cidade, ao tempo que contribúe a embelecer o edificio e a reforzar o seu valor simbólico como epicentro do baloncesto lucense. O mural integra elementos que evocan a identidade do equipo e a súa conexión coa afección e coa cidade.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitou a obra xa finalizada acompañado polas xogadoras do equipo, momento que aproveitou para felicitalas en nome da institución provincial pola súa recente clasificación para disputar o play off polo título de liga, conseguida durante a fin de semana pasada.