O Piornedo acollerá a cuarta edición do Bioblitz para impulsar o coñecemento da biodiversidade dos Ancares

LugoXa
A iniciativa, organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, desenvolverase os días 4 e 5 de xullo cun amplo programa de actividades participativas, itinerarios e mostraxes científicas
actividade-astronomía-deputación-piornedo
25 Jun 2026

A Asociación Galega de Custodia do Territorio celebrará os días 4 e 5 de xullo a cuarta edición do Bioblitz de Piornedo, unha iniciativa de ciencia cidadá que terá lugar na aldea de Piornedo, no municipio de Cervantes, situada no corazón dos Ancares lucenses.

A actividade ten como finalidade elaborar un inventario da biodiversidade existente na contorna, promovendo a participación tanto de especialistas como de persoas afeccionadas interesadas en distintos ámbitos da natureza, entre eles a botánica, a micoloxía, a fauna ou os insectos. Durante a fin de semana desenvolveranse diversas propostas abertas ao público nun enclave recoñecido polo seu elevado valor ambiental e patrimonial.

A programación dará comezo o sábado 4 de xullo ás 11:30 horas coa recepción das persoas participantes, seguida ás 11:45 horas da presentación oficial do Bioblitz. A partir das 12:00 horas iniciaranse os primeiros itinerarios de descubrimento da biodiversidade.

Xa pola tarde, ás 15:00 horas, terá lugar unha degustación de produtos da Reserva, mentres que ás 17:00 horas continuará a segunda sesión de itinerarios de campo. A xornada continuará ás 20:00 horas coa posta en común dos resultados obtidos durante o día e finalizará cunha cea prevista para as 21:00 horas. Ás 22:00 horas desenvolveranse actividades de mostraxe nocturna centradas na observación de morcegos e avelaíñas.

O programa continuará o domingo 5 de xullo coa terceira saída de descubrimento da biodiversidade ás 10:00 horas. Ás 14:30 horas compartirase unha nova posta en común dos resultados da segunda xornada e media hora máis tarde, ás 15:00 horas, celebrarase outra degustación de produtos da Reserva.

As actividades concluirán cunha visita guiada pola aldea de Piornedo ás 17:00 horas e co acto de clausura do Bioblitz, previsto para as 18:30 horas.

0.12421798706055