O pleno do Parlamento tratará a crise de Alcoa
O Grupo Popular defenderá no pleno da vindeira semana que o Goberno central garanta os centros produtivos e os postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao, ao tempo que se aprobe, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas. Así mesmo, solicitará a creación, dentro da futura Lei reguladora dos xogos de Galicia, dun Observatorio galego de xogos, que elabore un protocolo de menores nesta materia e un informa anual sobre o xogo na Comunidade galega.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que na sesión plenaria da vindeira semana procederase ao debate e votación do teito de gasto non financeiro da Comunidade galega para o vindeiro ano 2020. “A diferenza doutras comunidades autónomas que tamén se atopan con dificultades para elaborar os seus orzamentos, ao non coñecer as entregas a conta do Estado para o vindeiro ano, a Xunta de Galicia decidiu elaborar as súas contas para continuar pola senda de estabilidad”, sinalou.
“Faise nunha situación complicada e nun momento no que Galicia segue tendo menos débeda que a media nacional, controlamos o déficit e as facturas se pagan antes que en ningunha outra comunidade autónoma, aínda que a falta de pago dos 700 millóns de euros por parte do Goberno central comeza a causar problemas de tesourería”, apuntou.
A sesión plenaria tamén inclúe a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para dar conta da grave situación xerada en Galicia ante as políticas do Goberno central que están a provocar o peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama, e a necesidade dunha transición enerxética xusta.
Puy referiuse á reunión que se celebrará este mércores na sede do Ministerio de Transición Ecolóxica para abordar o anunciado peche da central térmica de As Pontes e avogou porque “se recapacite por parte de quen está a tomar decisións que afectan dunha maneira dramática a unha comarca e haxa máis razonabilidade e menos incapacidade para recoñecer as cousas como son”.
Neste sentido, incidiu que “a Xunta vai colaborar na busca de solucións, ademais de estar do lado dos traballadores, de acordo co que marca a normativa europea”. O Goberno galego vai ir a esta reunión “con espírito construtivo e ofrecer solucións para facer unha transición enerxética ordenada”.
O portavoz popular engadiu que o Pleno incorpora tamén o debate de toma en consideración do proxecto de Lei de medidas de garantía de abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. “Á luz da experiencia do episodio de seca vivido no ano 2017, con problemas de subministro de auga en varias zonas de Galicia, púxose en evidencia a necesidade de cambiar o xeito de xestionar a auga, garantindo o abastecemento coa colaboración de concellos e deputacións provinciais”, manifestou.
Respecto das proposicións non de lei incorporadas polo Grupo Popular á sesión plenaria, unha primeira vai dirixida á creación, dentro da futura Lei reguladora dos xogos de Galicia, dun Observatorio galego de xogos. “Este organismo terá entre as súas funcións a elaboración dun protocolo de menores en materia de xogo, así como un informe anual sobre o xogo na Comunidade galega.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular demanda ao Goberno de España que garanta os centros produtivos e os postos de traballo da factoría de Alcoa en San Cibrao. Así mesmo, demándase a creación dun marco enerxético estable e competitivo, para o que é necesario a aprobación, de xeito inmediato, do estatuto de apoio ás empresas electrointensivas, no que se incorporen as alegacións presentadas en conxunto pola Xunta de Galicia e as compañías galegas.
“Estamos a falar que están en perigo 5.000 postos de traballo, directos e indirectos, pero seguimos agardando por un marco enerxético competitivo, que xa foi prometido na última campaña electoral, por parte do Goberno central”, lembrou Pedro Puy.
Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre a posible venta do Hospital Povisa de Vigo a unha empresa privada e as medidas que ten previsto tomar a Xunta de confirmarse esta acción. Así mesmo, preguntarase polos obxectivos fundamentais da estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia; e a situación na que se atopa o expediente e que prazos manexa a Consellería de Sanidade para comezar as obras de remodelación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.