O PP acusa a Tomé de aumentar a conflitividade laboral e apoia as reclamacións dos traballadores do Museo

LugoXa
O PP lamenta que a política laboral do ex sindicalista José Tomé disparara nestes catro anos a conflitividade laboral na Deputación
Museo Lugo provincial
Museo Lugo provincial
19 may 2023

Un dos resultados da xestión efectuada polo bipartito provincial, baixo a presidencia do socialista José Tomé, foi un considerable incremento da conflitividade laboral, segundo destaca o viceportavoz popular Óscar Poy, para o que “é lamentable que con tan pouco que poñer no haber de PSOE e do BNG haxa tanto que incluír no debe”.

Engade: “Esta situación cambiará radicalmente no próximo mandato, no que moi probablemente gobernará o Partido Popular e a presidencia de Tomé será só un mal recordo para todos os concellos da provincia e para os traballadores, tanto dos propios da Deputación como para os de entidades que teñen vinculación directa con ela”. Lembra que Tomé é un ex sindicalista e asegura que “parece que co exercizo do poder esqueceu o que dicía defender entón”.

Poy lamenta que as erróneas decisións do goberno presidido por José Tomé provoquen o malestar dos traballadores e traballadoras do Museo Provincial, ao mesmo tempo que inciden negativamente na organización do servizo de cara ao público. “Son só un caso máis dos moitos traballadores que sofren as consecuencias do goberno do ex sindicalista Tomé, que non dubidou en discriminar aos antigos traballadores de Suplusa encargados das zonas verdes, que acabaron en Tragsa en vez de no cadro de persoal da Deputación”.

O mesmo portavoz popular sinala: “É unha pena que os traballadores do servizo contra incendios teñan que estar pelexando para defender os seus dereitos, unha pelexa da que queda constancia en pintadas como a que se poden ver en Foz, na que se critica directamente a Tomé”.