O PP acusa ao goberno local de Lugo de improvisar nas modificacións do PXOM tras anos de parálise urbanística

O Grupo Municipal Popular de Lugo fixo este mes de decembro unha valoración moi crítica das modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que vén de impulsar o goberno local, asegurando que estas actuacións evidencian “o fracaso da política urbanística municipal tras máis de dúas décadas de inacción, erros de planificación e ausencia dun modelo claro de cidade”.
Desde o PP sinalan que os expedientes de contratación iniciados polo Concello para a redacción de proxectos de expropiación e para a modificación puntual do PXOM non responden a unha estratexia planificada, senón á necesidade de corrixir con urxencia problemas enquistados dende hai anos e que afectan directamente á veciñanza, aos propietarios e ao desenvolvemento equilibrado de Lugo.
Os populares subliñan que moitas das actuacións que agora se poñen en marcha chegan con máis dunha década de atraso. Entre elas citan a expropiación do ámbito PA 10.1, clave para desbloquear a prolongación da rúa dos Gardas e o desdobramento da Segunda Ronda, unha intervención que consideran evidente e que, segundo denuncian, o Concello mantivo paralizada durante anos sen avances reais.
No caso dos polígonos PA 13.2 e PA 13.3, o PP interpreta as modificacións como un recoñecemento implícito de que o PXOM aprobou unha ordenación errónea e de difícil execución, que afectou gravemente a vivendas xa existentes. Lembran ademais que o sistema de cooperación obrigaba ao Concello a ter estes ámbitos urbanizados no ano 2019, un prazo que non só non se cumpriu, senón que, segundo afirman, nin sequera se intentou.
Outro dos exemplos de abandono urbanístico citados polos populares é a Unidade de Actuación do antigo Gran Teatro, pendente de resolución dende 1997. Trátase, sinalan, de máis de 25 anos sen unha solución definitiva que agora se pretende pechar mediante unha modificación forzada do planeamento.
O Grupo Popular alerta tamén da inseguridade xurídica xerada pola xestión urbanística municipal, poñendo como exemplo ámbitos como a rúa Anxel Fole, onde a existencia dun aparcadoiro soterrado e a aplicación do Plan de Mobilidade están a bloquear o desenvolvemento urbanístico. Ao seu xuízo, esta situación é consecuencia dun urbanismo “sen dirección, sen coordinación e sen unha folla de ruta clara”, que acaba prexudicando tanto á veciñanza como aos promotores e ao conxunto da cidade.
En zonas especialmente sensibles, como o Polígono C do Plan Paradai, na contorna do río Rato, o PP denuncia que o goberno local presenta propostas sen consenso veciñal e cun notable rexeitamento social, froito da falta de diálogo previo e de transparencia. Tamén citan casos como o da Quinta de Pérez, onde segue sen aclararse a titularidade pública de determinados espazos viarios, como exemplo dunha política urbanística “permisiva durante anos” que agora xera conflitos e incerteza.
No referente á conexión peonil entre a Estación Intermodal e o centro histórico, os populares consideran que o Concello actúa obrigado pola presión doutras administracións e pola existencia de fondos europeos, e non por iniciativa propia nin por unha visión estratéxica de cidade.
Desde o Grupo Municipal Popular aseguran que apoiarán aquelas actuacións imprescindibles para desbloquear situacións inxustas para a veciñanza, pero advirten de que non avalarán un modelo de goberno baseado, din, no atraso, na improvisación e nas correccións constantes. “Lugo precisa planificación, seguridade xurídica e un proxecto de cidade serio, non máis parches a problemas que se puideron evitar con xestión, diálogo e responsabilidade”, conclúen.