O PP acusa o BNG de utilizar material municipal na súa actividade política e os nacionalistas din que se trata de excedentario

LugoXa
Os populares reclaman a devolución de todo o material municipal que permaneza en poder da organización ou dos seus representantes
casa-consistorial-Concello-Lugo
17 Sep 2026

O Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo esixiu ao BNG explicacións sobre a presenza en mans da concelleira Cristina Fernández de diverso material adquirido con fondos públicos e identificado coa imaxe institucional municipal, que estaría sendo ofrecido no marco da súa actividade política no rural. Os populares reclaman a devolución de todo o material municipal que permaneza en poder da organización ou dos seus representantes.

Segundo denuncia o PP, entre os elementos figuran bolsas tipo tote bag co logotipo do Concello de Lugo e a identificación “Área de Participación e de Servizos para a Veciñanza”, departamento do que Cristina Fernández foi responsable durante a súa etapa no Goberno municipal, ademais de adhesivos coa mesma identidade institucional. Os populares sinalan tamén a presenza de exemplares das Obras completas de Rosalía de Castro, procedentes do Servizo de Cultura e adquiridos polo Concello.

O Grupo Popular considera “inaceptable” que unha concelleira da oposición utilice recursos municipais para a súa actividade política e cuestiona como este material puido saír das dependencias municipais sen que conste, segundo aseguran, autorización algunha. “Estamos falando de dous materiais diferentes, adquiridos con fondos municipais por dúas áreas distintas do Concello, que terminan sendo ofrecidos conxuntamente por unha concelleira do BNG”, sinalan.

Os populares relacionan este episodio coa falta de control que, ao seu xuízo, existía sobre os materiais almacenados durante a etapa do BNG no Goberno municipal. En concreto, apuntan á ausencia dun inventario no Servizo de Cultura que permita determinar que elementos había almacenados e cales puideron saír das dependencias municipais. O PP lembra neste punto a denuncia pola desaparición dunha máquina de escribir antiga, unha cuestión que o BNG asegura que xa foi atribuída á formación “infundadamente”.

Pola súa banda, desde o BNG rexeitan as acusacións e explican que a edil Cristina Fernández participou en numerosas presentacións e entregas de agasallos, tanto por convite de entidades como do propio Goberno municipal. En relación co material sinalado polo PP, os nacionalistas apuntan que “pode tratarse de material excedentario acumulado procedente de etapas anteriores” e facilitado polas diferentes entidades ou asociacións para a súa entrega en actos protocolarios.

O BNG defende ademais que o Goberno municipal debería sentirse “orgulloso” de que as entidades rurais e veciñais fagan uso deste material. A formación nacionalista asegura tamén que se alegra de que, tras a moción de censura, as asociacións continúen recorrendo aos seus edís, algo que interpreta como unha mostra de confianza no BNG.

Sobre a máquina de escribir, os nacionalistas lembran que a formación xa fora acusada anteriormente da súa desaparición e consideran que o PP volve atacar o BNG mentres existen, ao seu xuízo, outros asuntos de maior relevancia. Neste sentido, trasladan a crítica ao ámbito da Xunta e mencionan a situación do conselleiro de Traballo, ao que reclaman responsabilidades pola implicación da súa familia na ocupación de traballadores migrantes sen papeis nun viñedo da súa propiedade.

0.15488505363464