O PP afirma que a instalación de Altri en Palas vai depender “do estrito cumprimento das normas europeas"

LugoXa
Rubén Lorenzo asegurou no Pleno do Parlamento que a instalación do proxecto de Altri en Palas de Rei vai depender “do estrito cumprimento das normas europeas, das españolas e das galegas"
Rubén-Lorenzo-no-Pleno
9 Out 2024

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, asegurou no Pleno do Parlamento galego que a instalación do proxecto de Altri en Palas de Rei vai depender “do estrito cumprimento das normas europeas, das españolas e das galegas, normas que son das máis respectuosas co medio ambiente de todo o mundo”. Neste sentido, incidiu que “o proceso de tramitación ambiental no que se atopa o proxecto é a garantía de que a Xunta só respaldará a implantación de novas actividades económicas no territorio que sexan compatibles co decidido impulso ao sector primario galego”.

Rubén Lorenzo criticou que “destacados dirixentes tanto de BNG como do PSdeG reclamaban con vehemencia nos anos 2021, 2022 e 2023 o proxecto da biofábrica para o seu municipio” e anotou que “o motivo do seu cambio de criterio non é outro que o resultado das eleccións do pasado mes de febreiro”. “Asúmano: a maioría silenciosa dos galegos non aceptan o seu discurso contra unha Galicia reindustrializada dun xeito sostible”, manifestou.

Na súa intervención, o portavoz popular negou que o proxecto de Altri vaia supoñer a eucaliptización de Galicia. Así, explicou que “na Comunidade galega córtansecada ano 6 millóns de metros cúbicos de eucaliptos, dos que máis de dous millóns se transforman en Galicia e os outros catro saen fora como madeira de rolla, sen ningunha transformación”. “Altri transformaría 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto, polo que en Galicia existe recurso máis que suficiente para atender ás industrias que pechen o ciclo e deixen o valor engadido na Comunidade galega”, apuntou.

Respecto do impacto deste proxecto sobre os recursos hídricos de Galicia, Rubén Lorenzo dixo que “incorpora tecnoloxía innovadora para o aproveitamento eficiente da auga captada, polo que a dispoñibilidade de auga para outros usos na comarca da Ulloa estaría plenamente garantida”. Para rematar, o portavoz popular lamentou que “entre tanta desinformación, estamos perdendo unha gran oportunidade para falar do verdadeiramente importante: o cumprimento das normas vixentes e a oportunidade que temos de reindustrializar o noso país”. “Vostedes poden defender o que queiran, poden seguir enlamando e intoxicando sen límites morais nin éticos, pero o que non deberían facer, por respecto e dignidade ao noso país, é seguirlle mentindo á sociedade galega”, rematou Rubén Lorenzo dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG.

0.081012010574341