O PP alerta de "atrasos" na execución da supresión dos pasos a nivel en Lugo

Os deputados do Partido Popular no Congreso volveron interesarse pola situación dos seis pasos a nivel que está previsto eliminar no Concello de Lugo, na liña convencional Monforte-Lugo, tras comprobar a falta de avances nas actuacións anunciadas en 2024, cando ADIF iniciou o expediente para a súa supresión.
A deputada nacional Cristina Abades denunciou a “falta de transparencia e de respostas claras” por parte do Goberno, que “se limita a reiterar prazos sen concretar aspectos fundamentais como a dispoñibilidade dos terreos necesarios para executar as obras”.
Neste sentido, Abades lembrou que “a actuación proxectada inclúe a execución de camiños de enlace, o que require dispoñer previamente dos terreos ou iniciar os correspondentes procesos de expropiación”, pero advertiu que “a día de hoxe descoñécese en que punto se atopa esta tramitación”.
A popular incidiu en que “xa pasaron máis de seis meses desde que se adxudicaron as obras (10.10.2025) e nin sequera comezaron, polo que todo apunta a que non se cumprirá o prazo de execución previsto, que situaba a súa finalización no mes de xuño”.
Especial preocupación xera a situación do paso a nivel de Recimil, onde en novembro de 2023 perderon a vida dous mozos. “A pesar desta traxedia e das reiteradas demandas da veciñanza reclamando máis seguridade, todo segue igual”, lamentou.
Neste contexto, Abades explicou que “os propios veciños confirman que nin sequera foron contactados para iniciar as expropiacións necesarias, un paso imprescindible para poder executar o proxecto”, o que, ao seu xuízo, “evidencia unha clara falta de planificación e compromiso por parte do Goberno central”.
Por último, a deputada popular pediu “prazos reais e, sobre todo, feitos”, e reclamou que “se deixe de dar respostas evasivas nun asunto que afecta directamente á seguridade dos lucenses”.