O PP apoia á veciñanza de Fermín Rivera ante o deterioro da rede de abastecemento no barrio da Ponte

LugoXa
Os populares reclaman unha solución urxente aos rebentóns continuos das canalizacións e lembran que a presión veciñal xa logrou avances noutras zonas como a rúa Milagrosa
Reunión-Fermín-Rivera-PP-Lugo
8 Jan 2026

O Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo manifestou o seu apoio á veciñanza da rúa Fermín Rivera, no barrio da Ponte, que di “basta xa” á situación de abandono que sofre a rede de abastecemento de auga nesta zona da cidade. Os populares denuncian que os constantes rebentóns das canalizacións están a xerar inseguridade e cortes reiterados no subministro, afectando tanto aos residentes como á actividade da sociedade deportiva situada nesta contorna.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Elena Candia, mantivo onte unha reunión coa directiva do Club Fluvial de Lugo e coa Asociación de Veciños San Lázaro para abordar o mal estado da rede de abastecemento en Fermín Rivera e nas rúas próximas. Durante o encontro, a veciñanza advertiu dunha problemática que se prolonga no tempo sen solucións nin prazos concretos, malia tratarse dun servizo básico que é competencia directa do Concello.

Os representantes veciñais trasladaron tamén o seu cansazo polo incumprimento reiterado das promesas municipais e denunciaron que a renovación da rede de abastecemento continúa sen executarse, a pesar de que existían fondos consignados inicialmente para esta actuación que finalmente foron desviados a outras zonas da cidade. Esta situación, sinalan, deixou sen resposta unha demanda que consideran urxente e plenamente xustificada.

Desde o PP aseguran que se poñen á disposición da veciñanza para facer forza conxunta e corrixir o esquecemento que sofre esta rúa. “Estamos a falar dun servizo esencial, que afecta directamente á calidade de vida das persoas”, subliñaron desde o Grupo Popular, incidindo na necesidade dunha actuación inmediata por parte do Goberno local.

Os populares lembran que esta reivindicación está directamente relacionada co sucedido recentemente na rúa Milagrosa, onde a mobilización veciñal, xunto co apoio político do PP, conseguiu que o Concello de Lugo rectificase e incorporase finalmente a renovación do saneamento ás obras que xa se están a executar. Grazas á presión veciñal e política, o Concello viuse obrigado a revisar o proxecto, dando resposta a unha demanda que o PP xa levara ao pleno no pasado mes de outubro e que tamén fora presentada ante a Valedora do Pobo, quen admitiu a trámite a reclamación.

⚙ Configurar cookies
0.079117059707642