O PP comprométese a actualizar as pensións cada ano conforme ao IPC

Os cabezas de lista do PP lucense ao Congreso e ao Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, xunto co candidato ao Congreso Jaime de Olano, mantiveron un encontro de traballo con pensionistas para coñecer as súas preocupacións e trasladarlles as propostas do partido. Entre os compromisos expostos figura a actualización anual das pensións conforme ao IPC, tal e como anunciou Alberto Núñez Feijóo.
Os populares lembraron que na provincia de Lugo hai preto de 96.000 pensionistas, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), e defenderon que "coas pensións non se xoga: hai que blindar a capacidade de compra das persoas maiores". Neste sentido, apostaron tamén por reconstruír o Pacto de Toledo para que as pensións sexan un compromiso de Estado e queden á marxe da confrontación partidista.
Ademais da revalorización anual para manter o poder adquisitivo, o programa do PP contempla preservar a caixa única da Seguridade Social e fomentar a xubilación activa voluntaria mediante incentivos e deducións no IRPF. Feijóo situou entre os obxectivos dun eventual Goberno garantir a viabilidade do sistema público de pensións tanto para os actuais beneficiarios como para as futuras xeracións.
Os populares defenderon así a necesidade de protexer as persoas que contribuíron ao sistema durante toda a súa vida laboral e ofrecer garantías aos máis novos de que tamén poderán contar cunha pensión no futuro.