O PP crítico co San Froilán: "O BNG sempre se presenta cun programa que non convence á maioría"
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, afirmou que a Xunta non recibiu ningunha solicitude de colaboración por parte da área de Cultura do Concello de Lugo para a organización das festas de San Froilán, a pesar de que o goberno galego comunicou en varias ocasións a súa disposición a colaborar. Arias recordou que a Xunta realiza unha achega anual de 25.000 euros ao San Froilán, por ser unha Festa de Interese Turístico Nacional, e de 40.000 euros ao Arde Lucus, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional.
“Non sabemos se por ideoloxía ou por incapacidade, o BNG sempre se presenta a estas alturas do ano, ás portas do San Froilán, cun programa que non convence á maioría e tentando botar balóns fóra”, asegurou o delegado. Arias acusou ao BNG de buscar a confrontación entre administracións ao non solicitar a axuda da Xunta a tempo e criticar a falta de colaboración o mesmo día da presentación do programa das festas. “Semella que o propio BNG non quere recibir a axuda para seguir coa súa liña de confrontación”, declarou. Segundo o delegado, os 25.000 euros que achega a Xunta serían suficientes para contratar un concerto ou unha orquestra galega de primeiro nivel.
Ademais, destacou a colaboración do goberno galego nas festas organizadas polos barrios de Lugo, como as que se celebran en Paradai, e subliñou que a Xunta traerá concertos de artistas recoñecidos, como Sophie Auster, Marina Reche e Marwan, á cidade nos próximos meses. Arias tamén destacou o apoio da Xunta ao Caudal Fest, que reuniu a 40.000 persoas en Lugo e contou con artistas de renome como Amaral e Mikel Izal. Finalmente, mencionou o programa CulturOn, que levou preto de 500 actividades culturais a máis de 40 municipios da provincia durante o verán, sen importar a cor política das localidades.