O PP cuestiona a seguridade na liña de tren entre Lugo e Ourense tras un incidente con xabarís

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Piden coñecer en que condicións se produciu o sinistro e advirten da conveniencia da instalación de sistemas de seguridade para evitar este tipo de incidentes
vias-tren-ourense-monforte
29 Jan 2025

Os deputados do PP lucense, Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades, piden explicacións ao Goberno de Sánchez dende o Congreso en relación ás incidencias en varios trens entre Lugo e Ourense a pasada fin de semana e a seguridade na liña despois de que un tren de longa distancia (Intercity 558 Lugo-Madrid) quedase detido entre Os Peares e Santo Estevo do Sil tras atropelar dos xabarís arredor das oito da tarde, segundo informaba o propio ADIF.

O sinistro afectou ao tráfico ferroviario durante o resto da tarde-noite do sábado 25: o medio distancia 12646 Ourense – A Coruña detido nos Peares e o Alvia 627 Barcelona Sants – A Coruña detido en Monforte de Lemos.

Os populares preguntan pola causa do accidente e se foi localizado o lugar polo que os animais accederon á vía “tendo en conta que o percorrido debe estar valado a ambos lados”. De feito, “precisamente no núcleo de Santo Estevo do Sil os veciños e veciñas están incomunicados porque o Executivo non habilitou ningún paso entre ambas marxes tras valar a zona da estación”.

Os deputados do PP lucense esixen ao Executivo que “adopte as medidas necesarias para evitar que se repitan situacións similares. O Goberno debe garantir a seguridade dos usuarios e do propio persoal ferroviario”. Nesa liña, preguntan tamén se houbo danos persoais entre a tripulación do tren ou entre os usuarios.

Os populares inciden, ademais, en que se debe aclarar en que condicións se produciu o sinistro como, por exemplo, a velocidade á que circulaba o tren nese momento.

Os representantes lucenses do Partido Popular no Congreso tamén advirten da conveniencia da instalación de sistemas de seguridade para evitar este tipo de incidentes e preguntan ao Executivo se existen cámaras ou outro tipo de detectores ao longo da vía para alertar deste tipo de situacións de risco.

 

0.11277389526367