O PP de Becerreá critica a falta de desbroce nos accesos aos núcleos rurais do municipio
O PP de Becerreá amosa o seu malestar pola falta de planificación no desbroce dos accesos e camiños nos núcleos rurais do municipio e insta ao goberno local a levar a cabo os traballos cunha planificación axeitada.
Os populares, que comprobaron en moitos puntos das parroquias de Becerreá o estado dos camiños municipais, afean ao goberno local a falta de planificación dos traballos de roza; xa que “estamos a finais de agosto e os camiños e accesos presentan un estado de abandono que dificulta o seu uso por parte dos veciños e veciñas”.
O portavoz, José Fernández Carrete, advirte que “moitos dos camiños xa son estreitos de por si” e engade que “coa falta de limpeza constitúen un verdadeiro perigo” para os veciños debido a que a presenza de moita maleza nas marxes e, nalgún caso, sobre a vía, “dificulta a visibilidade dos usuarios”.
O popular ve “incomprensible” esta “deixadez por parte do goberno local” ao entender que “a limpeza destas vías debe ser unha prioridade”. E máis incomprensible é aínda que “o Concello adquirise un novo tractor con desbrozadora para telo aparcado no garaxe”.