O PP de Burela advirte de que “o Concello non ten ao día as contas municipais”
“O Consello de Contas de Galicia foi tallante se non se presentan as contas ou se estas son presentadas con defectos, e estes non se subsanan, o Concello de Burela non terá acceso ás subvencións da Xunta de Galicia”, aseguran dende o PP de Burela.
“Toda esta problemática vén derivada da fantástica xestión levada a cabo polo goberno socialista de Burela nos últimos catro anos”, ironizan no PP. No ano 2018 as contas, que teñen que render tódolos concellos perante este órgano independente de carácter autonómico, foron presentadas con defectos polo “goberno” socialista que, “ata onde sabemos no PP, non foron subsanados, e no, recentemente finalizado ano 2019, directamente non foron presentadas”, expón o concelleiro popular, Manuel Rouco.
Os populares aseguran “estar fartos de ver como o señor Llano saca peito vanagloriarse do asombroso remanente de máis de 3 millóns de euros que ten o Concello en tesourería a día de hoxe”.
E, engaden que, “para todos aqueles que crean que son certas estas cifras, aclararlles que, xa no ano 2015 quedaron máis de un millón e medio de euros de remanente trala seria e responsable xestión do PP”.
Así mesmo, lembran que “no ano 2011, cando entraron a gobernar os populares despois do desastre do bipartito entre os socialistas e os nacionalistas, atopáronse cunha situación totalmente catastrófica nas arcas do concello, con máis de 1,3 millóns de euros en facturas sen pagar e tendo que facerlle fronte á débeda histórica pola segregación co veciño concello de Cervo que, por aquel entón, estaba arredor dos 400.000 euros anuais”.
“Como se pode comprobar, o señor Llano, cunha situación de partida infinitamente mellor, reflexado no superávit presentado polos populares no ano 2015, foi incapaz de mellorar a xestión levada a cabo polo anterior goberno popular. O seño Llano e o seu equipo empezan o ano tal e como o finalizaron, cunha morea de problemas e con ningunha solución á vista”, conclúen.