O PP de Cervantes denuncia a súa exclusión dos actos do Día do Libro organizados polo Concello

O PP de Cervantes denuncia a súa exclusión dos actos organizados polo Concello con motivo do Día do Libro, unha decisión que “rompe cunha tradición de anos nos que sempre se contou coa participación da corporación ao completo”.
Os populares acusan ao equipo de goberno de “falta de respecto institucional e democracia”, ao non contar con eles nun acto celebrado ademais nun centro público como é o colexio da localidade.
“A xente pensou que non asistíramos porque non quixemos, pero a realidade é que nin sequera fomos invitados”, afirmaron con rotundidade os concelleiros populares no pleno.
“Somos catro concelleiros fronte aos cinco do goberno, e representamos a unha parte moi importante dos veciños que nos deron a súa confianza. Merecemos respecto e non podemos ser ignorados como se non existísemos”, sinalan desde o Grupo Municipal Popular.
Os populares consideran que este tipo de actitudes “empobrecen a vida democrática e restan pluralidade aos actos públicos, que deberían ser espazos de encontro e non de exclusión política. A nosa presenza non ofendía a ninguén, ao contrario, enriquecería o acto", engaden os concelleiros do PP.
Desde o Partido Popular de Cervantes instan ao equipo de goberno a “rectificar e garantir que no futuro se actúe con sentido institucional, respecto democrático e espírito de pluralidade”.