O PP de Cervantes pide ao Concello que repare os peches danados na estrada entre Quindous e Sevane

LugoXa
A formación denuncia o mal estado de varios peches situados xunto á vía e traslada o malestar veciñal pola falta de resposta municipal
PP-Cervantes
Imaxe de arquivo
23 Sep 2026

Os concelleiros do PP de Cervantes solicitaron ao Concello que revise os danos detectados nos peches da estrada que une Quindous con Sevane e que poña en marcha, sen demora, as xestións necesarias para o seu arranxo e reposición.

O voceiro popular, Óscar Fernández, fixo chegar esta petición ao Concello mediante un escrito no que pide que se averigüe a orixe dos danos. No caso de que estes garden relación coas obras que se están a executar na zona do Parque Móbil da Deputación, o escrito reclama que se realicen as xestións oportunas ante a institución provincial para devolver os peches afectados ao seu estado orixinal.

Segundo indica o voceiro do PP, varios veciños mostraron o seu descontento polo deterioro que presentan os peches das súas fincas, unha circunstancia que afecta especialmente aos propietarios de parcelas lindeiras coa estrada, entre elas algunhas destinadas a uso gandeiro.

Os veciños afectados aseguran levar tempo reclamando unha solución sen obter, segundo trasladan, unha resposta clara por parte do Concello nin ver resoltos os danos existentes.

Fernández sinalou que "os veciños están moi enfadados porque trasladaron o problema e, a día de hoxe, seguen sen unha resposta e sen ver reparados os peches". A isto engadiu que "o Concello debe preocuparse polos problemas que afectan directamente aos seus veciños e actuar para buscar unha solución, especialmente cando estamos a falar de propiedades particulares situadas ao carón dunha vía pública".

O voceiro popular defende que o Concello debe comprobar o sucedido, determinar a súa orixe e, se garda relación cos traballos realizados na zona, reclamar ante a Deputación de Lugo a reposición dos peches ao seu estado anterior.

"Os veciños teñen dereito a saber que pasou cos seus peches, quen debe asumir a reparación e, sobre todo, cando van ser arranxados. O que non pode facer o Concello é mirar para outro lado mentres os afectados seguen esperando", concluíu.

0.15019702911377