O PP de Cervantes reclama ao goberno local a convocatoria urxente de plenos ordinarios

LugoXa
Os populares denuncian un “problema serio de funcionamento democrático” e piden restablecer a normalidade institucional
Óscar-Fernández-PP-co-escrito-no-Concello-de-Cervantes
22 Apr 2026

O portavoz do PP de Cervantes, Óscar Fernández, vén de rexistrar unha solicitude formal no Concello para esixir que o goberno local cumpra coa súa obriga de convocar os plenos ordinarios coa periodicidade acordada, despois de afirmar que xa se dirixiron ao alcalde e ao executivo municipal en diversas ocasións sen obter explicación algunha.

Desde o PP local denuncian que o goberno municipal leva máis de tres meses sen celebrar un pleno ordinario, xa que a última sesión tivo lugar o 14 de xaneiro de 2026. Segundo explican, esa reunión correspondía ao pleno ordinario de decembro, adiado por coincidir co 31 de decembro, polo que consideran que o Concello aínda non celebrou ningún pleno ordinario neste ano 2026.

Fernández lembra que os plenos son o principal espazo de control ao goberno local e o lugar onde se debaten os asuntos que afectan á veciñanza, polo que entende que non convocalos supón “un problema serio de funcionamento democrático”. Engade ademais que o goberno local socialista estaría incumprindo a súa obriga e dificultando o labor da oposición, ao impedir o seguimento da xestión municipal e a presentación de propostas.

Na solicitude rexistrada, o portavoz popular pide que se adopten medidas inmediatas para recuperar a normalidade institucional, garantindo que non transcorran máis de dous meses entre sesións, tal e como está establecido. Tamén reclama a convocatoria urxente dun pleno ordinario, ao terse superado ese prazo, e unha explicación expresa por parte do goberno local sobre os motivos deste incumprimento.

Desde o PP de Cervantes advirten de que, se a situación continúa ou non reciben resposta, non descartan elevar a queixa á Valedora do Pobo, co obxectivo de garantir os dereitos de participación política e o correcto funcionamento da institución municipal.

0.13557195663452