O PP de Lourenzá denuncia que a alcaldesa rexeitase solicitar a brigada contra incendios
O PP de Lourezá denuncia que a alcaldesa rexeitase solicitar a brigada contra incendios que pon a Xunta de Galicia a disposición dos concellos. Deste xeito, os populares consideran que a decisión da rexedora socialista “é unha absoluta irresponsabilidade”, pois supón, ademais da protección, una fonte xeradora de emprego; “algo que na nosa comarca, coa situación de Alcoa e, no noso pobo, co peche de Hermida, é moi importante”.
Concretamente, o Goberno galego ofrece ás entidades locais a posibilidade de asinar tres convenios para financiar a contratación do persoal que conforma as brigadas municipais, ou ben o funcionamento das motobombas ou a realización de tarefas de desbroces.
Os concellos poden adherirse a todas ou algunha das modalidades. Na provincia obtiveron apoio todos os que o solicitaron. O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. Neste senso, cun investimento próximo aos 6 millóns de euros darase emprego a 308 persoas, que traballarán tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal.
En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde.
Desinterese da alcaldesa polo emprego
Dende o Grupo Municipal do PP salientan que esta decisión non é nova, pois a alcaldesa xa demostrou o que lle interesa o emprego, rexeitando tamén o obradoiro. “Despois de que o noso concello non solicitase o obradoiro de emprego, acabamos de saber que tampouco quere a brigada. Tendo en conta que temos todas as pistas sen rozar; que polos camiños dos montes non se anda; que despois de ver as cifras de parados, onde temos 27 desempregados máis que hai un ano, sen contar os que están en ERTE; que a empresa máis importante do pobo acaba de pechar; e que imos a ter unha crise global polo covid, xa non sabemos se aos gobernantes de Lourenzá lles importa algo o pobo ou é que estamos sobrados de todo, porque tanto o obradoiro como a brigada, a parte de dar un gran servizo ao pobo, dá traballo á xente”, remarcan.