O PP de Lugo acusa o goberno local de falta de transparencia na xestión dos orzamentos municipais

LugoXa
Os populares cualifican de “absolutamente inaceptable” que se filtren cifras á prensa mentres se nega á oposición o acceso á documentación orzamentaria
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
23 Jan 2026

O Partido Popular de Lugo denunciou a forma “absolutamente inaceptable” na que o goberno local está a xestionar os orzamentos municipais, tanto no seu contido como nos procedementos empregados. Segundo os populares, resulta especialmente grave que, mentres se trasladan cifras e anuncios interesados aos medios de comunicación, se lle impida á oposición acceder á documentación necesaria para poder analizar as contas con rigor e responsabilidade.

Desde o PP consideran que esta maneira de actuar supón unha nova mostra de "deslealdade institucional e de falta de transparencia", e din que de antepoñen a propaganda ao respecto polas normas básicas do funcionamento democrático. Neste sentido, subliñan que os orzamentos non poden presentarse primeiro nos medios de comunicación e ocultarse despois aos representantes da cidadanía.

Os populares tamén puxeron o foco nos créditos destinados a investimentos anunciados agora polo goberno local, que contrastan coa baixa execución dos orzamentos anteriores. Segundo os datos que manexan, no exercicio 2025 só se executou o 34,9 % dos investimentos previstos. A isto súmase, segundo o PP, o incremento continuado da débeda municipal baixo os mandatos de PSOE e BNG, que cifran en 13,5 millóns de euros no ano 2023, 8.860.000 euros no 2024 e máis de 18 millóns de euros no endebedamento anunciado para este exercicio.

O PP denuncia que Lugo leva anos inmersa nun ciclo de anuncios reiterados que non chegan a materializarse. Proxectos como o novo pavillón, as novas instalacións para a protectora de animais ou actuacións en saneamento seguen aparecendo nos discursos sen que se concreten, mentres que outras iniciativas consideradas clave para a cidade, como a rehabilitación integral da Milagrosa, desapareceron das promesas do bipartito tras anos de protagonismo.

Os populares consideran igualmente chamativo que se destinen recursos a gastos que cualifican de difícil xustificación, como a contratación dun novo estudo de mobilidade para a Avenida da Coruña poucos meses despois de aprobarse un Plan de Mobilidade. Ao mesmo tempo, critican que anuncios recentes de gran impacto mediático, como actuacións deportivas en San Fiz, non conten con ningunha partida económica consignada nos orzamentos.

Desde o PP insisten en que o incremento do investimento que o bipartito presenta como un logro vén acompañado, por terceiro exercicio consecutivo, "dun aumento da débeda municipal". Todo isto, engaden, prodúcese nun contexto advertido polos informes do servizo de Intervención, que levan anos sinalando o carácter estruturalmente deficitario de servizos básicos como o transporte público, a recollida do lixo ou o abastecemento de auga.

A pesar das dificultades para acceder á información, o Partido Popular asegura que presentará unha análise rigorosa, concreta e realista das contas municipais en canto o goberno local facilite á oposición a documentación orzamentaria. Os populares reclaman que se cumpra coa “mínima decencia institucional” e co respecto debido á corporación municipal.

⚙ Configurar cookies
0.086670875549316