O PP de Lugo alerta do deterioro do Corazón Verde e denuncia que os proxectos fallidos lastran as contas municipais

O Partido Popular de Lugo denunciou o estado no que se atopa o coñecido como Corazón Verde, a actuación de remodelación e peonalización do casco histórico da cidade, que segundo sosteñen comeza a amosar importantes problemas apenas uns meses despois da súa inauguración. Os populares consideran que este proxecto exemplifica un problema estrutural no Concello de Lugo derivado, ao seu xuízo, das “hipotecas económicas” xeradas por actuacións mal planificadas impulsadas polo propio goberno municipal, que condicionan tanto o presente como o futuro financeiro da cidade.
Desde o PP sinalan que a intervención no centro histórico, presentada no seu día como unha transformación de gran alcance e na que se investiron preto de 10 millóns de euros, deixou unha realidade moi distinta da prometida. Segundo explican, o pavimento instalado resulta fráxil e presenta fendas e desperfectos continuos en numerosas rúas, o que evidencia que non estaba preparado para soportar o tráfico existente nin para garantir unha peonalización efectiva.
Os populares lembran que xa advertiran desta situación en 2023, tanto no mes de xullo como nun pleno extraordinario celebrado en novembro dese mesmo ano, cando puxeron o foco na debilidade dos materiais empregados e nun modelo que, ao seu entender, non respondía a unha verdadeira peonalización. O paso do tempo, aseguran, acabou confirmando aquelas advertencias e converteu a actuación nun novo lastre económico para Lugo, ao obrigar a realizar reparacións constantes con cargo aos recursos públicos.
O Grupo Popular insiste en que non se pode falar nin de sostibilidade nin de boa xestión mentres se sigan levando a cabo proxectos sen unha planificación rigorosa, ignorando informes técnicos e comprometendo durante anos fondos municipais para corrixir actuacións que consideran mal concibidas desde a súa orixe. “O problema de Lugo non é a falta de ingresos, senón un goberno que gasta sen control e deixa facturas a futuro”, conclúen, ao tempo que reclaman maior rigor, planificación e responsabilidade na xestión económica do Concello.