O PP de Lugo asegura que a "mala xestión" de PSOE e BNG acabará coa Escola de Música
O PP afirma que a "mala xestión" de PSOE e BNG acabou coa banda asegurando que, neste momento, traballan para acabar coa Escola de Música. Para os populares supón "un exemplo máis da desacertada política de persoal" do Goberno de Lugo lembrando “a Relación de Postos de Traballo aprobada en 2019, co selo da que hoxe é a alcaldesa, que é insuficiente e está obsoleta xa que non reflicte a situación real dos servizos o que provoca, en cada pleno, protestas de todos os sindicatos.
A voceira popular Elena Candia suspendía ao Goberno en servizos de conciliación indicando como “primeiro tiveron en vilo a 800 familias esperando información dos comedores escolares, logo o conflito laboral nas garderías municipais e, agora, a escola de música que a estas alturas, non ten data de inicio”. En relación á Escola Municipal de Música, a voceira popular criticou que nesta ocasión “PSOE e BNG teñan degradado ao seu persoal”, en alusión a que non lles pagan polas responsabilidades que asumen-
“Tiñan a solución na súa man pero non a aplicaron” en alusión aos acordos de pleno de decembro de 2022 que se reiteraron, a posteriori, no ano 2023 e preguntaba os motivos polos que non se tomaron aínda medidas. O que se solicitaba era modificar a Relación de Postos de Traballo en relación aos postos dos músicos con funcións docentes que teñen a titulación necesaria para encadrase na categoría C1. Outro punto do acordo era que “mentres non se faga esta modificación se lles pague de forma provisional un complemento salarial polo traballo que realizan e tamén se propoñía aumentar de forma progresiva aos músicos do cadro de persoal ata chegar a un mínimo necesario de profesionais".
Pola súa parte, dende a Tenencia de Alcaldía indican que está en tramitación o necesario procedemento de renovación da
Xunta Directiva da Escola Municipal de Música, que permita o agardado comezo do curso escolar 2024-2025. Segundo se produza o seu nomeamento, "estarase en disposición de establecer o organigrama de docentes e a oferta educativa, así como a data de elección de horarios e do inicio das clases, momento no que se publicará unha nova nota informativa ás familias e persoas interesadas", din.