O PP de Lugo critica o estado de "precariedade organizativa e de recursos" do Parque Municipal de Bombeiros

O Grupo Municipal Popular critica o estado de "precariedade organizativa e de recursos" do Parque Municipal de Bombeiros de Lugo, que "afecta gravemente á operatividade do servizo de emerxencias".
Os concelleiros populares alertan da "falta de persoal, a ausencia dunha estrutura de mando estable e a escasa planificación por parte do Goberno local".
Actualmente, o sargento xefe atópase de baixa médica de longa duración, e só hai un cabo por quenda, o que provoca que cando este goza dun permiso ou sofre unha baixa, "a cadea de mando desaparece ou debe cubrirse dobrando quendas, coa consecuente sobrecarga para o resto do equipo".
Desde o Grupo Popular reclámase unha revisión urxente da Relación de Postos de Traballo (RPT) para reforzar a escala de mandos, creando unha figura axunta ao sargento xefe e duplicando os mandos intermedios se é necesario; a substitución efectiva e estable do sargento xefe; un plan de reforzo do servizo anticipándose a baixas previsibles, xubilacións e cambios de destino; a creación dunha praza de administrativo para asumir as tarefas burocráticas do parque; e melloras nas instalacións, incluíndo medidas urxentes contra a legionela e control de pragas.
Actualmente, o servizo debería contar con 56 efectivos (1 sargento, 5 cabos e 50 bombeiros), pero hai 9 vacantes, ademais de que a día de hoxe só hai 41 bombeiros en activo, un dos cales pode xubilarse este mesmo mes. Ademais, hai 3 permisos de paternidade e 10 interinos que poderían abandonar Lugo se obtén praza noutro destino.