O PP de Lugo cuestiona a xestión das Caldas do Miño tras peches prolongados

O Partido Popular de Lugo lembrou que este sábado, 28 de marzo, cúmprense tres anos da inauguración das Caldas do Miño, unha das actuacións impulsadas polo goberno local con fondos europeos, que a día de hoxe permanece pechada sen data próxima de apertura. Desde o Grupo Popular preguntan: que pasará con esta infraestrutura? Abrirá realmente en maio, tal e como se anunciou, e por canto tempo permanecerá operativa?
Trátase dun proxecto promovido polo PSOE no que se investiron arredor de 1,4 millóns de euros e que se presentou como unha instalación aberta os 365 días do ano. Non obstante, a instalación acabou sendo un exemplo de infrautilización, con peches prolongados e reaperturas intermitentes que evidencian problemas de planificación, control e mantemento.
Ademais, cando está en funcionamento, o custe mensual supera os 27.000 euros, sen que exista continuidade no servizo nin un modelo de xestión claro.
Os populares alertan de que non hai calendario nin plan de futuro e advirten de que esta situación non é un caso illado. “Estamos a ver como proxectos financiados con fondos europeos acaban pechados ou sen uso. O mesmo sucede co carril bici, que non se emprega, pero que o propio Plan de Mobilidade, aprobado polo PSOE e o BNG, insiste en ampliar”, sinalan. “Se o PMUS prevé cuadriplicar este modelo, é lóxico que haxa preocupación entre os lucenses”.
Desde o PP insisten en que “xa non estamos só ante un problema de xestión, senón tamén de concepto: vendéronse como caldas de auga mineromedicinal cando funcionan con auga da traída e, tres anos despois, continúan sen cumprir a función para a que foron creadas”.
En xaneiro, o Grupo Municipal propuxo reorientar proxectos fracasados como o das Caldas do Miño, sinalando que se deberían estudar alternativas compatibles coa normativa europea para evitar que continúen sendo un espazo infrautilizado e custoso para a veciñanza.