O PP de Lugo denuncia o “empeoramento constante” das conexións ferroviarias

LugoXa
Candia reclama responsabilidades ao alcalde e ao presidente da Deputación polo deterioro da conectividade e critica que “Lugo é pioneira en ter estación sen trens”
PP-estacion-de-tren-Lugo
7 Aug 2025

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal, Elena Candia, acompañada por deputados e senadores do partido, denunciou este mércores nunha rolda de prensa que a provincia sofre un deterioro progresivo nas conexións ferroviarias, sen que se produzan melloras prometidas polos responsables socialistas.

Candia lamentou que Lugo siga sen frecuencias que permitan realizar xestións en Madrid pola mañá nin tampouco recuperar o tren nocturno a Barcelona, e reclamou ao alcalde da cidade e ao presidente da Deputación, tamén secretario xeral do PSOE lucense, que deixen de permitir este retroceso e trasladen ao Goberno central a necesidade de retomar os investimentos para as variantes que conectarían Lugo coa alta velocidade.

A líder dos populares lucenses criticou que, malia as promesas realizadas polo alcalde tras a súa reunión co presidente de Renfe o pasado 18 de xuño, non se producisen avances reais nin se recuperasen as frecuencias ferroviarias. Subliñou que unha conexión eficaz con Madrid só sería posible con horarios que permitan chegar en tempo útil para realizar trámites ou traballar, e non cos actuais servizos, que considera insuficientes.

“Avanza o verán, pero non avanza a recuperación de frecuencias”, afirmou, apuntando que a reunión preestival xa fora cualificada como “decepcionante” polo PP ao entender que só se anunciaron estudos en lugar de compromisos firmes.

Candia tamén advertiu de que a ausencia do tren nocturno a Barcelona limita tanto as posibilidades de desenvolvemento económico e social da cidade como a mobilidade dos galegos que viven en Cataluña. Engadiu que, aínda que as obras de infraestruturas avanzan grazas á cooperación institucional, de pouco serven sen uns servizos ferroviarios acordes.

Pola súa banda, o portavoz do PP na Deputación e coordinador de infraestruturas do partido a nivel galego, Antonio Ameijide, acusou a PSOE e BNG de condenar a provincia ao illamento ferroviario.

Ironizou con que Lugo sexa “única” por quedar fóra da alta velocidade, “pioneira” en ter unha estación intermodal sen trens nin frecuencias, e que aínda así se lle esixa agradecemento á cidadanía.

Ameijide criticou tamén a retirada de máis de mil millóns de euros para a alta velocidade e censurou que o secretario xeral do PSOE lucense estea máis preocupado por nomear pregoeiros ou participar en actos co partido salpicado por casos xudiciais que por mellorar a conectividade. “Estamos peor que nunca”, concluíu, esixindo actuacións inmediatas.

⚙ Configurar cookies
0.48798298835754