O PP de Lugo esixe ao Goberno a protección e declaración como BIC da ponte de Cruzul

Os deputados do Partido Popular de Lugo veñen de presentar unha ofensiva parlamentaria para esixir ao Goberno de España a conservación e posta en valor da ponte de Cruzul, situada no concello de Becerreá.
A proposta, que inclúe unha Proposición Non de Lei (PNL), reclama investimentos inmediatos por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, así como a finalización do expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), que depende do Ministerio de Cultura.
Durante unha visita ao viaduto, os deputados populares lucenses, acompañados por concelleiros do PP de Becerreá e representantes comarcais como o alcalde das Nogais, Jesús Núñez, salientaron a “importancia histórica e patrimonial” desta infraestrutura singular para a comarca dos Ancares. O voceiro popular en Becerreá, José Fernández Carrete, destacou que a ponte de Cruzul “é un elemento importante do noso concello”, ademais de formar parte da Vía Künig, unha das apostas de futuro para o desenvolvemento turístico e cultural da zona.
Desde o PP recálcase que o Goberno de España, como titular da vía, debe asumir a responsabilidade de garantir a conservación da ponte e protexela adecuadamente mentres non se resolva a súa tramitación como BIC, expediente que se atopa nas mans do Ministerio de Cultura. Segundo o propio Executivo, no ano 2023 o viaduto estaba a ser obxecto de análise por parte dos técnicos.
Un patrimonio único do Neoclásico
A ponte de Cruzul foi proxectada no ano 1773 polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur dentro do plan dos Camiños Reais impulsado por Carlos III. A súa construción, entre 1776 e 1778 sobre o río Narón, permitiu conectar Galicia coa Meseta. O viaduto, de máis de 90 metros de lonxitude, está composto por tres arcos de medio punto en cantería de pedra calcaria, e considérase un exemplo singular de obra civil da Ilustración, sendo o único ben patrimonial neoclásico da provincia de Lugo.
Desde marzo de 1991, a ponte forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e sitúase dentro dun espazo de alto valor ecolóxico: a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Ademais do seu valor arquitectónico, a ponte de Cruzul posúe unha grande relevancia histórica. Foi escenario de episodios de resistencia durante a Guerra da Independencia, nos que clero, nobreza e campesiñado locais combateron unidos contra as tropas napoleónicas. A batalla máis destacada permitiu a retirada do exército británico fronte ao avance francés, un episodio que se conmemora cada mes de maio cunha recreación histórica no lugar.
Con esta iniciativa, o PP de Lugo dá voz no Congreso a unha reivindicación histórica por parte dos representantes populares de Becerreá, que insisten en que o futuro da zona tamén pasa pola posta en valor do seu patrimonio cultural e histórico.