O PP de Lugo impulsa a declaración da Semana Santa como Festa de Interese Turístico Nacional

LugoXa
Elena Candia propón que Xunta, Deputación e Concello traballen coordinadamente coa Xunta de Confrarías para acadar este recoñecemento
Semana-Santa-Lugo-procesión-2026
6 Apr 2026

O Grupo Municipal do PP de Lugo anunciou que pedirá á Corporación municipal que apoie a iniciativa para que a Semana Santa da cidade sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional. A voceira popular, Elena Candia, explicou que o obxectivo é “impulsar unha acción coordinada entre todas as administracións —Xunta, Deputación e Concello— xunto coa Xunta de Confrarías para acadar esta declaración”.

Candia destacou que Lugo conta cunha Semana Santa con identidade propia, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2018, e que o seu crecemento foi posible grazas ao compromiso das confrarías e á implicación de moitas persoas que manteñen viva esta tradición ano tras ano. Tamén agradeceu o traballo do persoal municipal, “que garante o bo desenvolvemento destes días e contribúe a que Lugo amose a súa mellor imaxe”.

A popular subliñou que esta declaración encaixa co modelo de cidade que defende o PP, centrado en poñer en valor o patrimonio local como recurso turístico e cultural, e insistiu en que “cada cidade debe reivindicar, coidar e reforzar as súas singularidades. A Semana Santa é unha das nosas e temos o deber de mantela viva”.

Candia rematou sinalando que “o obxectivo agora é dar un paso máis, sumar esforzos entre todas as administracións e acompañar á Xunta de Confrarías para conseguir un recoñecemento que Lugo merece. Cando hai colaboración e un obxectivo común, os resultados chegan, e neste caso falamos de pór en valor unha das nosas tradicións máis importantes e de seguir impulsando Lugo desde o punto de vista cultural e turístico”.

0.11989402770996