O PP de Lugo impulsará unha campaña para reclamar o arranxo urxente da rede de auga en Fermín Rivera

LugoXa
Os populares denuncian o desvío de 100.000 euros previstos para a vía do barrio da Ponte, afectada por cortes reiterados no subministro
rede-abastecemento-Fermín-Rivera-Lugo
30 Dec 2025

O Partido Popular de Lugo anunciou que porá en marcha unha campaña informativa para visibilizar a situación da rúa Fermín Rivera, no barrio da Ponte, unha vía que sofre de maneira reiterada problemas na rede de saneamento e abastecemento de auga. Segundo denuncian, o último corte produciuse durante os días de Nadal e afectou tanto a vivendas como a negocios e instalacións deportivas, entre elas o Club Fluvial.

Desde o PP aseguran que non se trata dun episodio illado nin dun problema puntual, senón da consecuencia directa dunha rede obsoleta que precisa dunha renovación integral. Lembran que o propio goberno local recoñeceu esta situación nos orzamentos de 2025, nos que figuraba unha partida de 100.000 euros destinada á renovación do saneamento, do abastecemento e da pavimentación de Fermín Rivera.

Porén, os populares denuncian que eses fondos foron retirados. En concreto, explican que o 30 de setembro de 2025 o Concello aprobou un decreto de modificación do plan de investimentos polo que se desviaron os 100.000 euros inicialmente previstos para Fermín Rivera a outras actuacións no barrio do Castiñeiro, a pesar de coñecer que a rede da Ponte se atopaba nunha situación límite.

O PP tamén lembra que a rúa Fermín Rivera pasou a ser de titularidade municipal en 2020, tras a cesión por parte da Deputación da estrada LU-P-2911, unha transferencia que cualifican de anómala ao non ir acompañada de obras nin dun acondicionamento previo, circunstancia que, segundo indican, foi aceptada polo PSOE e o BNG sen esixir garantías.

Así mesmo, critican que en marzo de 2025 se anunciase un protocolo para a mellora da vía entre o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil que, á vista dos feitos, quedou nunha simple declaración de intencións, sen compromisos concretos nin dotación económica por parte de ningunha das administracións implicadas.

Desde o PP de Lugo conclúen que non se pode falar de plans estratéxicos nin de integración do río mentres se manteñen unhas canalizacións que rebentan de maneira reiterada, e reclaman unha actuación inmediata e planificada para solucionar de forma definitiva os problemas de abastecemento e saneamento en Fermín Rivera.

⚙ Configurar cookies
0.079766035079956