O PP de Lugo reafírmase na necesidade dun cambio de rumbo na xestión municipal

O Grupo Municipal do PP de Lugo informou de que, tras a celebración das comisións previas ao pleno, as respostas ofrecidas polo goberno local evidencian, ao seu xuízo, a necesidade urxente dun cambio de dirección na xestión municipal.
Segundo os populares, tanto PSOE como BNG repetiron de forma constante nas peticións formuladas o mesmo argumento, limitándose a indicar que se “toman en consideración” os rogos presentados. No caso das preguntas formuladas pola oposición, aseguran que a resposta habitual foi “trasladalo aos seguintes xestores”, unha dinámica que, segundo o PP, non se traduce en accións reais nin en solucións para os problemas cotiáns da veciñanza de Lugo.
A única matización diferente, segundo explican, produciuse en relación coa posible declaración como Ben de Interese Cultural do Parque Rosalía de Castro. Neste punto, o goberno local aludiu a que “se fixo un estudo por un importante estudoso”, unha expresión que os populares consideran pouco clara e que cualifican de forma irónica como pouco propia dunha resposta institucional. Ademais, lembran que en xaneiro de 2025 o Concello anunciara a súa intención de solicitar esta declaración á Xunta de Galicia.
O PP tamén subliña que, mentres agora se presenta a unión dos parques Miño-Rato tras 26 anos de promesas, continúa pendente un trámite que consideran básico, como é a solicitude da declaración de Ben de Interese Cultural para o Parque Rosalía de Castro.
Para o grupo da oposición, a situación pon de manifesto que a cidade precisa menos anuncios e máis xestión efectiva, insistindo en que é momento de abordar a política municipal desde unha perspectiva distinta.