O PP de Muras acusa ao goberno local de abandonar as instalacións municipais
A voceira popular de Muras, Eugenia Requeijo, trasladoulle á presidenta provincial do PP, Elena Candia, a súa preocupación ante “a inactividade do goberno bipartito local. É un proxecto que está estancado e acabado”, subliñou.
A máxima dirixente dos populares lucenses dá así continuidade á rolda de xuntanzas de traballo cos portavoces do Partido Popular nos municipios da provincia escoitando as preocupacións da voceira de Muras sobre os asuntos de interese para o concello e os seus veciños e veciñas.
Eugenia Requeijo asegura que “o goberno municipal ten abandonado todo o concello”. Así llo trasladou tamén no último pleno ao equipo de goberno expresando as súas críticas á falta de xestión e de organización dos traballos do día a día da actividade municipal para manter as instalacións públicas de titularidade municipal en bo estado de conservación para o seu uso por parte dos veciños e veciñas.
A popular asegura que “temos que vir os do Grupo Municipal Popular a organizarlle o traballo ao alcalde e, aínda por riba, cando lle dicimos o que está sen facer, pon todo tipo de escusas. A culpa nunca é del”, lamenta Eugenia Requeijo.
A voceira do PP en Muras sinala que “son moitos os lugares do concello que se atopan sen limpar porque non se realizaron as tarefas de conservación que lle corresponden”. Un destes exemplos atopámolo nas prazas do Viveiró e de Muras que teñen sucio todo o seu mobiliario e, incluso, a súa iluminación é escasa.
Abandono das instalacións municipais
Eugenia Requeijo enumera, así mesmo, outras deficiencias na conservación das instalacións municipais como é o caso do canlón do cemiterio que, a pesar de ser arranxado recentemente, “xa se atopa atascado”. Tamén se atopa abandonada, completamente chea de maleza, a finca da Escola de Irixoa e “o campo de fútbol de Chao de Currás estase a converter nun vertedoiro cheo de escombros e de restos de podas”.
A voceira popular explica que “estes son só algúns exemplos das deficiencias que poden apreciar tódolos veciños e veciñas nas instalacións de uso público”. Polo tanto, dende o Grupo Municipal do PP pídenlle ao goberno local “que as corrixa de forma inmediata executando as necesarias labores de limpeza e reparación”.
Eugenia Requeijo subliña que “grazas ás queixas que facía públicas fai uns días o noso Grupo, están agora a limpar o patio do CEIP Antía Cal onde os sumidoiros se atopaban atascados e os muros e as beirarrúas cheos de maleza. Tamén faltan chapas do teito do pavillón”, engade.