O PP de Ribadeo pide ao goberno local “un plan serio de infraestruturas”
Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo demanda ao goberno local unha planificación para o arranxo das numerosas estradas municipais que se atopan nun estado intransitable, ocasionando así “un grave perigo” para usuarios e viandantes. Un exemplo, di Elena Sierra, “atopámolo na estrada do barrio de San Xulián, na parroquia de Villaframil, que enlaza coa de Folgosa, así como na súa paralela que une co barrio da Madanela”.
E é que segundo explica a edil popular, “non podemos permitir este abandono, xa que por ela pasa o bus escolar e incluso necesita varios puntos de luz tanto para veciños, como para os turistas, pois dá acceso aos apartamentos Casa Benito moi demandados na época estival”.
“O que pedimos é un plan serio de infraestruturas”, remarca a edil. Os populares fan esta petición porque é unha demanda reiterada dos veciños en todas as parroquias que visitan. “Estámolas visitando todas e sempre nos din que é preciso que o Concello mellore as vías”.
Esta situación evidencia, apunta Sierra, a que o desinterese do equipo de goberno é cada vez maior. “A parte de non desbrozalas, non as amaña. É, por este motivo, polo que lle pedimos aos responsables municipais que se poñan mans á obra –nunca mellor dito- e poñan en marcha un plan destinado ao acondicionamento dos nosos accesos. E non é que o pidamos só o Grupo Municipal do Partido Popular, é que o piden os veciños”, defende.