O PP de Ribeira de Piquín cuestiona o funcionamento da Fundación Terreo

O voceiro do PP de Ribeira de Piquín, José Osorio, expresou as súas dúbidas sobre o funcionamento da Fundación Terreo e cuestionou o labor do alcalde, ao que acusa de poñer trabas sistemáticas ao acceso á documentación e aos expedientes da entidade.
Osorio sinala que hai poucos días presentou un recurso de reposición contra unha resolución da alcaldía pola que se lle denegaba o acceso telemático aos expedientes, ofrecéndolle unicamente a consulta en formato papel. Considera que esta decisión vulnera os seus dereitos como concelleiro e limita a súa función de fiscalización do goberno local, ao entender que debería poder dispoñer da documentación e non só consultala.
No escrito presentado reclama o acceso íntegro e copia electrónica de estatutos, documentación de constitución e réxime xurídico da fundación, composición do padroado, actas, acordos e resolucións, así como contratos, convenios e nomeamentos vinculados ao alcalde, ademais de informes xurídicos e económicos, expedientes de gasto, facturas, nóminas, contas anuais e documentación contable e orzamentaria relacionada.
O voceiro popular sostén que se lle están a poñer “moitas trabas” cada vez que solicita información sobre a Fundación e mesmo denuncia que, nunha consulta presencial, se lle esixiu asinar un documento que lle impedía empregar a documentación revisada. Ao seu xuízo, esta práctica estaría orientada a limitar a súa capacidade de denuncia pública da xestión municipal.
Osorio lembra ademais que xa fixeron público o uso da Fundación Terreo para incrementar as retribucións do alcalde, ao que acusa de ter modificado a estrutura da entidade para asignarse un salario como xerente, ao tempo que os estatutos establecen que os cargos de goberno deben exercer de maneira gratuíta. Segundo o PP, esta fórmula permitiría ao rexedor percibir un sobresoldo próximo aos 20.000 euros anuais.
O voceiro popular tamén critica a situación económica da fundación, que segundo os datos achegados pechou o ano 2024 cun déficit superior aos 131.000 euros, con ingresos de 242.538,93 euros e obrigas recoñecidas de 373.631,03 euros.
Osorio conclúe que existe un desfase do 35% que, ao seu entender, evidencia unha mala xestión e reclama un cambio de rumbo para que a Fundación cumpra co seu obxectivo orixinal.