O PP denuncia a “parálise” da residencia de Becerreá

LugoXa
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, recorda que a demanda da veciñanza “segue viva” e que “cada día que pasa coa residencia pechada o enfado aumenta na comarca
residencia-becerrea-pp
10 Jul 2024

As obras para a construción da residencia de Becerreá remataron en marzo de 2022 e tiña que estar en funcionamento antes do 19 de decembro de 2023, pero a realidade é que sete meses despois “segue pechada” sen que José Tomé e os seus socios do BNG se preocupen de poñela en marcha. Así o manifestan os deputados populares, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, que se achegaron ata esta instalación xunto ao voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, e varios concelleiros.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, recorda que a demanda da veciñanza “segue viva” e que “cada día que pasa coa residencia pechada o enfado aumenta na comarca xa que é un servizo que precisan moitas familias”. Ameijide explica que, pese a que as obras remataron hai dous anos, o edificio segue sen ter mobiliario e sen contratarse o persoal: “Aínda non sabemos se o conectaron á rede eléctrica ou non”. Unha situación de “parálise” que contrasta co anuncio que o presidente da Deputación realizou en abril deste ano para “priorizar” a posta en marcha desta residencia de maiores.

“Xa o dixemos no seu momento e o mantemos, foi unha fuxida cara diante trala demanda presentada polo Concello de Becerreá nos xulgados contra a Deputación de Lugo”, sinalou. Neste senso, Ameijide afirma que “este anuncio non foi máis que fume e unha escusa” de José Tomé para “tentar defenderse” no caso de que a xustiza lle reclamase responsabilidades por manter este centro pechado. Un “escudo ou escusa” que tentarán facer valer, pese a que o propio goberno provincial anunciou en novembro pasado que a residencia de Becerreá “non se axusta” ao modelo de residencias da Deputación “a pesar de que foron gobernos de PSOE e BNG os que a construíron”.

Unha situación que a veciñanza de Becerreá e a comarca “non tolera máis” polo que levan moitos meses facendo público o seu rexeitamento ás políticas de PSOE e BNG á fronte da Deputación, chegando ao punto de que “os expulsan dos plenos da Deputación porque non queren escoitar as verdades que lles expoñen estes veciños”.

Mentres José Tomé, o PSOE e o BNG manteñen pechado este edificio “deteriorándose” co paso dos meses, a realidade é que está a sufrir actos vandálicos. “Xa ten varias portas rotas e forzadas, imaxinamos que por persoas que buscaban roubar no seu interior, resgardarse algunha noite ou agocharse da visión pública para realizar calquera outro tipo de actividade”, denunciaron.

0.16801905632019