O PP denuncia novas tarifas por obras hidráulicas en Baralla e Folgoso do Courel

O Partido Popular denunciou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está a reclamar aos concellos de Baralla e Folgoso do Courel novas cantidades económicas vinculadas a actuacións hidráulicas executadas anos atrás. A formación sostén que estes pagamentos non estaban recollidos nos convenios asinados no seu momento entre o organismo de conca e os municipios.
A deputada Cristina Abades e o senador José Manuel Balseiro mantiveron unha reunión cos alcaldes de ambos os dous concellos para analizar as liquidacións e abordar posibles actuacións para defender os intereses municipais. Os representantes populares consideran "especialmente grave" que as condicións económicas cambien unha vez rematados os proxectos.
No caso de Baralla, segundo explica o PP, a Confederación Hidrográfica reclama en 2026 preto de 4.700 euros en concepto de Tarifa pola Utilización da Auga polas obras de construción dun azud desmontable no río Neira. O convenio foi asinado en 2020 e establecía que o organismo de conca asumiría o 80% do investimento e o Concello o 20% restante, unha parte que, segundo os populares, xa foi liquidada. A formación asegura que o acordo non recollía a obriga de afrontar posteriormente esta nova tarifa.
Unha situación similar, segundo o PP, prodúcese en Folgoso do Courel polas obras de saneamento do núcleo de Sobredo. O proxecto foi financiado integramente pola Confederación ao abeiro dun convenio de 2018, pero para este ano aprobouse unha contía próxima aos 4.500 euros pola Tarifa pola Utilización da Auga.
O Concello de Folgoso do Courel presentou alegacións contra este cobro e sostén que, de coñecer previamente a existencia desta obriga económica, non tería asinado o convenio nin executado a actuación. O PP critica, ademais, que a tarifa se pretenda aplicar periodicamente durante 25 anos.
Abades e Balseiro advirten de que estas liquidacións poden reducir os recursos municipais dispoñibles para financiar servizos e investimentos. "O Goberno non pode acordar unhas obras cunhas condicións e, cando xa están feitas, inventar unha nova factura e obrigar aos concellos a pagala", sosteñen.
A formación trasladou tamén o asunto ao Congreso dos Deputados e ao Senado para solicitar información sobre o alcance destes cobros na provincia. Entre outras cuestións, o PP quere coñecer cantos convenios poden verse afectados, as cantidades reclamadas ou previstas, a porcentaxe dos investimentos que se pretende repercutir aos municipios e o sistema empregado para calcular as tarifas.
Os populares reclaman igualmente que o Goberno aclare se os convenios advertían expresamente aos concellos da existencia destes futuros pagamentos. "Queremos saber canto pretende cobrar o Goberno, a que concellos, por que obras e con que fundamento", conclúen Abades e Balseiro.