O PP denuncia o abandono da rede viaria provincial tras o derrubamento dunha ponte en Navia

Antonio Ameijide alerta do deterioro das infraestruturas baixo a xestión do PSOE e BNG e reclama máis mantemento para evitar riscos á cidadanía
PP-ponte-caída-Navia
2 Feb 2026

O Partido Popular volveu poñer o foco no estado das infraestruturas provinciais tras o derrubamento dunha ponte en Navia, un episodio que, segundo subliñan, evidencia o abandono da rede viaria por parte do PSOE na Deputación. Desde o Grupo Provincial Popular lembran que esta situación vén sendo denunciada desde hai anos e sinalan que, neste caso concreto, a caída da ponte non tivo consecuencias persoais por unha cuestión de fortuna.

Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Jesús Núñez desprazáronse ata a zona xunto co voceiro do PP en Navia, Raúl Pérez, para comprobar in situ o estado da infraestrutura, que quedou completamente derruída. Segundo indicaron, a ponte deberá ser reconstruída na súa totalidade, polo que reclamaron celeridade á Deputación para poder restablecer canto antes a normalidade nesta área da provincia.

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, incidiu en que este suceso é unha mostra máis do abandono xeralizado da rede de estradas e das infraestruturas provinciais durante as dúas últimas décadas baixo os gobernos do PSOE e do BNG. Ao seu xuízo, esta falta de mantemento tradúcese non só en pontes que acaban por caer, como ocorreu en Navia, senón tamén na existencia de numerosas vías provinciais que se atopan en condicións moi deficientes ou directamente intransitables.

Ameijide reiterou a necesidade de reforzar as tarefas de conservación e mantemento da rede viaria provincial, ao considerar que se trata dun labor esencial de prevención para evitar riscos innecesarios tanto para os veciños e veciñas da provincia como para as persoas que a visitan.

⚙ Configurar cookies
0.079694032669067