O PP denuncia o estado da avenida Filarmónica Lucense e reclama actuacións urxentes na zona do Pazo dos Deportes

LugoXa
Ameijide critica o atraso nas obras anunciadas e alerta do deterioro do antigo quiosco miradoiro do campus lucense
PP-de-Lugo-avenida-Filarmónica-Lucense
10 Apr 2026

O portavoz provincial do PP e concelleiro no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, criticou o estado da avenida Filarmónica Lucense, no entorno do Pazo dos Deportes, tras lembrar que hai seis semanas a presidenta da Deputación e o alcalde de Lugo anunciaron actuacións de mellora na zona.

Ameijide visitou o ámbito xunto aos concelleiros populares Javier Vázquez e Mar Carballas, onde asegurou que, polo momento, non se executaron as obras prometidas. Segundo sinalou, os baches continúan presentes na vía e dificultan a circulación, especialmente nos momentos de maior tráfico coincidentes cos encontros deportivos do Breogán e o Ensino.

O representante popular tamén puxo o foco no estado do antigo quiosco miradoiro situado na zona, un inmoble propiedade da Deputación de Lugo que, segundo denunciou, leva máis dunha década pechado e abandonado. Ameijide describiu un estado de forte deterioro, con sinais de vandalismo e elementos estruturais danados, o que, ao seu xuízo, supón un risco para as persoas que transitan polo lugar.

Así mesmo, advertiu de que o edificio presenta importantes deficiencias, como un tellado parcialmente deteriorado, cristais rotos e accesos abertos, situándose nunha área moi transitada do campus universitario entre as facultades de ADE e Humanidades.

O portavoz provincial do PP lamentou que a visita institucional non servise, ao seu entender, para avanzar na recuperación deste espazo nin para adoptar medidas que garantan a seguridade na contorna, insistindo na necesidade de actuar tanto na mellora viaria como na posta en valor do antigo miradoiro.

0.1171190738678