O PP denuncia que o Goberno se nega a mellorar a seguridade viaria na N-VI ao seu paso polo Corgo

LugoXa
Os senadores populares critican que o Executivo non recoñeza o risco existente pese á proximidade de servizos como o centro de saúde e o mercado mensual
Senadores-e-alcalde-N-VI-O-Corgo
15 Apr 2025

Os senadores lucenses do Partido Popular, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, denunciaron que o Goberno de Pedro Sánchez non contempla ningunha actuación para mellorar a seguridade viaria na estrada N-VI ao seu paso polo núcleo urbano do Corgo.

Acompañados polo alcalde do municipio, Felipe Labrada, os parlamentarios deron a coñecer a resposta oficial do Executivo ás preguntas formuladas no Senado para saber se estaba previsto adoptar medidas como unha rotonda ou outra fórmula técnica que contribuíse a reducir o perigo para os peóns na zona.

Segundo explicou Barreiro, o Goberno considera que a intersección situada no punto quilométrico 487+500 “funciona correctamente e non presenta ningunha problemática de seguridade viaria ata a data”. Para o senador popular, esta resposta “é para enmarcar”, pois ignora completamente a realidade dun punto “que carece de pasos de peóns, sinais de regulación ou elementos de calmado do tráfico”, a pesar de atoparse moi preto do centro de saúde, outros servizos públicos e ser escenario dunha feira mensual que atrae a numerosos visitantes.

Os senadores do PP subliñaron que a negativa do Goberno se basea en que a zona “non reúne as características necesarias para ser considerada como travesía”, algo que, segundo denuncian, amosa unha “falta total de sensibilidade coa realidade diaria dos veciños”.

Ante esta situación, o Grupo Popular no Senado anunciou que presentará unha nova iniciativa para instar ao Goberno central a reconsiderar a súa postura e adoptar medidas urxentes que garantan a seguridade tanto dos viandantes como dos condutores nesta zona do Corgo. “A situación é complexa e débese adoptar algunha solución”, insistiron.

O alcalde, Felipe Labrada, tamén lamentou a resposta do Executivo e reiterou a súa preocupación pola falta de actuacións nun punto que, asegura, “os veciños levan anos reclamando melloras que nunca chegan”.

⚙ Configurar cookies
0.12752199172974