O PP denuncia que o Ministerio de Transportes descarta poñer en marcha a alta velocidade entre Lugo e Ourense

LugoXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Advirten de que Lugo será a única provincia galega que quede fóra da alta velocidade se as variantes e a lanzadeira a 200 km/h entre Lugo e Ourense non se levan a cabo
pp-lugo-canabal
Representantes do PP de Lugo fronte á estación de Canabal
22 Mar 2025

“O Ministro de Transporte e Movilidad Sostenible, Óscar Puente, da por descartado que Lugo non terá nin as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián que permitirían reducir os tempos de viaxe nin lanzadeira a 200km/h entre Lugo e Ourense”, segundo manifestaron os senadores do PP lucense en rolda de prensa acompañados por alcaldes e portavoces de municipios da zona sur da provincia. “Así se desprende da resposta oficial por escrito do Goberno” ás preguntas dos representantes do Partido Popular por Lugo na Cámara Alta José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.

Os senadores explicaron que “o Ministro Puente dixo en sede parlamentaria que non descartaba as variantes da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, pero na resposta oficial dáas por descartadas” toda vez que “na resposta do Goberno só se refiren ás obras que se están levando a cabo actualmente na liña”: mellora da plataforma, vía, electrificación e outras instalacións.

Do mesmo xeito, en relación ao anuncio da lanzadeira entre Lugo e Ourense a 200 km/h para conectar coa alta velocidade, a resposta oficial remite ás obras na liña e aos servizos dispoñibles; pero non ofrece ningún tipo de previsión sobre a posta en marcha deste servizo. En definitiva, “o propio Goberno de España en resposta oficial corrixe o anuncio que fixera o ministro Puente durante unha visita á cidade de Lugo”. E, ademais, recoñece que “a variante da Pobra de San Xillao supón unha posible mellora significativa nos tempos de viaxe”.

Os populares engadiron que “o actual trazado non permite aos trens alcanzar velocidades superiores aos 160km/h” polo que sen as variantes proxectadas polo Goberno de Rajoy e presentadas polo Ministro Íñigo de la Serna no 2018, non será posible conectar a provincia de Lugo coa alta velocidade.

Tamén denunciaron novamente que “Lugo sexa a única provincia do entorno que queda fóra da alta velocidade” e afearon unha vez máis “o illamento ao que o Goberno de Sánchez, co consentimento do PSdeG e do BNG, somete á provincia de Lugo en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias”.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, lembrou que “a estación de Canabal é unha estación que, no seu momento, tivo moita actividade. Paraban 12 trens diarios e hoxe Ponferrada-Vigo e Vigo-Ponferrada, tren diario. Pero estamos nun punto que cada vez perde máis servizos e non hai comunicacións para poder coller o AVE en Ourense”.

O rexedor popular explicou tamén que “veñen de facer uns investimentos importantes e a realidade é que non se gañou nin un minuto no percorrido, case que podemos dicir que se perdeu porque son habituais as avarías. Onte mesmo houbo unha incidencia e todos os viaxeiros que tiñan que pasar pola estación de Canabal tiveron que ser desviados en autobús. Reivindicamos que as melloras sexan efectivas e que as melloras traian beneficios e non ao revés”, concluíu.

O único servizo recuperado tralas obras de renovación da infraestrutura entre Lugo e Ourense sen transbordos por estrada é Lugo-Madrid, segundo explica o Goberno na súa resposta oficial.

Dende a súa reapertura sucedéronse numerosas incidencias: a falta de gasoil ou os problemas coa catenaria que fixeron encherse vagóns de fume fixo que o servizo volvera prestarse en autobús, o atropelo a dous xabaríns fai varias semanas fixo paralizar temporalmente a circulación e onte mesmo se suspendeu o servizo durante horas por unha incidencia debida ao mal tempo.

⚙ Configurar cookies
1.0353329181671