O PP denuncia unha infracción ambiental da Deputación de Lugo por podas en Santa María

LugoXa
Segundo explican, a Deputación si solicitou autorización nesta ocasión, pero “de nada serviu, xa que non se respectaron os condicionantes impostos pola Xunta"
fogar-santa-maria-arbores-pp
8 May 2025

O Partido Popular denunciou publicamente á Deputación de Lugo por levar a cabo tarefas de poda no entorno do antigo hospital de Santa María sen respectar as condicións impostas pola Consellería de Medio Ambiente, o que tería provocado a caída dun niño. Esta actuación motivou a intervención de colectivos ecoloxistas e a solicitude de actuación por parte da Xunta de Galicia.

O voceiro do PP na Deputación, Antonio Ameijide, criticou con dureza ao presidente provincial, José Tomé, acusándoo de “non respectar o medio ambiente” e de “buscar a confrontación constante coa Xunta”. Ameijide considera que este novo episodio reflicte “unha ausencia total de respecto do goberno do PSOE e BNG pola protección das aves”.

Segundo explicou, a Deputación si solicitou autorización nesta ocasión, pero “de nada serviu, xa que non se respectaron os condicionantes impostos pola Xunta, como a obrigatoriedade de non realizar os traballos no caso de detectar niños con ovos ou crías, e a necesidade de avisar aos axentes ambientais antes de iniciar as tarefas”.

Ameijide lembrou que en maio de 2023 xa se paralizaran labores similares tras detectarse niños na mesma zona, aínda que o goberno provincial “retomounas pola porta de atrás un sábado de agosto”, o que derivou nunha sanción de 2.000 euros. Ademais, segundo o PP, un funcionario foi expedientado por obedecer ordes de Tomé que impedían o acceso dos axentes ambientais.

O popular criticou que “tan só cinco días despois de aprobar en xunta de goberno recorrer aquela sanción, o goberno volva incumprir a lei”. Para Ameijide, este comportamento demostra que “Tomé créese por enriba do ben e do mal” e que a súa “soberbia lévao a pensar que pode estar por riba da lei”.

“Non só se comete unha infracción, senón que semella que é buscada”, concluíu o voceiro popular, quen insiste en que este novo incidente pon en evidencia “unha xestión temeraria e irrespectuosa co entorno natural”.

⚙ Configurar cookies
0.18568897247314