O PP enumera dez supostas deficiencias da etapa do BNG no Concello de Lugo

GaliciaXa | LugoXa
Os populares sinalan problemas en cultura, persoal, infraestruturas e transporte, mentres o Bloque atribúe as críticas á presentación da candidatura de Rubén Arroxo
Antonio-Ameijide-Javier-Vázquez-PP-Lugo
9 Jun 2026

A confrontación política entre o Partido Popular e o BNG no Concello de Lugo intensificouse tras a presentación por parte dos concelleiros populares Antonio Ameijide e Javier Vázquez do denominado “Decálogo do desgoberno do BNG no Concello de Lugo”, un documento co que realizaron un repaso de distintas cuestións que, ao seu xuízo, evidencian problemas de xestión durante a etapa na que os nacionalistas formaron parte do executivo municipal.

Os representantes do PP aseguraron que tras a imaxe proxectada polo Bloque existía unha realidade marcada pola falta de planificación, o deterioro dos servizos públicos e a acumulación de incidencias que, segundo indicaron, continúan condicionando o funcionamento da administración local.

Entre os asuntos expostos citaron a situación do servizo de Cultura, onde aseguran que existen facturas cuestionadas polos técnicos municipais e que foron abonadas mediante decreto. Tamén puxeron o foco na xestión do Auditorio Fuxan os Ventos, que, segundo explicaron, iniciou a súa actividade sen contar cunha ordenanza reguladora de uso, taxas municipais nin mecanismos definidos de control. Os populares lembraron que as facturas relacionadas coa actividade deste equipamento entre febreiro de 2025 e febreiro de 2026, cun importe total de 140.925,12 euros, atópanse actualmente nos xulgados.

Outro dos exemplos mencionados foi a situación da rúa da Milagrosa, unha actuación que permaneceu paralizada durante varios meses tras a rescisión do contrato coa empresa adxudicataria, unha decisión que posteriormente foi cuestionada polo Consello Consultivo de Galicia.

Ameijide e Vázquez tamén criticaron a existencia de dúas brigadas municipais diferenciadas, dependentes de áreas distintas do anterior goberno local, unha circunstancia que, segundo defenderon, dificultaba a coordinación e a resposta ante incidencias e necesidades de mantemento.

No ámbito das infraestruturas, os populares cuestionaron actuacións como o Carril das Flores, que consideran exemplo dunha planificación insuficiente ao requirir posteriormente revisións e modificacións. Ademais, referíronse á situación do transporte urbano, asegurando que seguen sen materializarse medidas anunciadas polo anterior executivo, como a aplicación móbil para usuarios, a xeolocalización dos autobuses ou o funcionamento completo dos paneis informativos.

A estas críticas sumaron a caducidade de 59 prazas correspondentes a ofertas públicas de emprego, a acumulación de vehículos pendentes de retirada no depósito municipal do Ceao, a existencia de solicitudes de vado sen resolver e diferentes incidencias relacionadas co mantemento dos centros educativos e co desenvolvemento das actividades extraescolares. Tamén lamentaron a desaparición de servizos como a Banda Municipal de Música e o peche da Escola Municipal de Música.

Resposta do BNG

Desde o BNG responderon ás críticas asegurando que a iniciativa do PP está relacionada coa presentación oficial de Rubén Arroxo como candidato nacionalista á Alcaldía de Lugo, acto que se celebrará coa participación da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Os nacionalistas sosteñen que o actual executivo municipal está a demostrar dificultades de xestión e puxeron como exemplo as trabas que, segundo denunciaron, atopou o Conservatorio de Danza —dependente da Xunta— para utilizar o Auditorio Municipal Gustavo Freire durante esta semana. O concelleiro Alexandre Penas criticou que o Goberno local centre a súa actividade na confrontación política e lamentou a falta de programación definitiva para as festas do Arde Lucus a poucos días da súa celebración.

Penas asegurou tamén que o PP está a exercer “oposición á oposición” e reivindicou a presenza de Ana Pontón no acto de presentación da candidatura de Rubén Arroxo, ao tempo que criticou a ausencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en actos na cidade desde a chegada dos populares ao Goberno municipal.

O Bloque aproveitou a resposta para defender a súa xestión durante o anterior mandato. Entre os logros destacados figuran a apertura do Auditorio Fuxan os Ventos, a mellora do servizo de transporte urbano, a implantación do transporte a demanda no rural, a peonalización e renovación de distintas rúas da cidade, a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo e o reforzo das actuacións das brigadas municipais.

A formación nacionalista tamén reivindicou as medidas impulsadas nos centros escolares, incluíndo programas para mellorar a seguridade nos accesos aos colexios e actuacións de mantemento que eran competencia municipal.

En relación coa denuncia pola desaparición dunha máquina de escribir da marca Olivetti no servizo de Cultura, o BNG explicou que a comunicación dos feitos ás autoridades formaba parte das obrigas do responsable do departamento e que a anterior concelleira xa fora informada da situación. Ademais, lembraron que outras subtraccións rexistradas anteriormente na Casa Consistorial tamén foron denunciadas ante as forzas de seguridade.

0.12382292747498