O PP esixe á Deputación de Lugo abrir de inmediato a residencia de Becerreá tras a sentenza do TSXG

LugoXa
Os populares reclaman que non se recorra o fallo xudicial e piden cumprir tamén os convenios pendentes con outros concellos da provincia
PP_Residencia_Becerreá
28 Apr 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderon que a Deputación de Lugo dea cumprimento inmediato á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que obriga á institución provincial a abrir e poñer en funcionamento a residencia e o centro de día comarcal de Becerreá, en cumprimento das obrigas recollidas no convenio asinado entre a Deputación e o Concello.

O voceiro popular na institución provincial, Antonio Ameijide, explicou que esta resolución xudicial dá a razón ás reiteradas reclamacións realizadas tanto pola veciñanza como pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá, o Concello e o propio Partido Popular.

Ameijide criticou a postura mantida por PSOE e BNG durante o debate plenario ao considerar que restaron importancia á sentenza cando aseguraron que “para dicir o que di a sentenza botaron un ano”.

Segundo destacou o Grupo Popular, o fallo considera probada a inactividade da Deputación e resulta especialmente contundente ao cualificar as actuacións do goberno provincial como “actos de trámite insignificantes ou dilatorios”, ao entender que non cumpren coa finalidade do convenio subscrito.

Os deputados populares defenderon tres medidas prioritarias. En primeiro lugar, reclamaron acatar a sentenza e cumprir de maneira inmediata coas obrigas recollidas no convenio de colaboración e na súa addenda, garantindo a apertura efectiva do centro.

En segundo termo, solicitaron que non se presente recurso contra a resolución xudicial para evitar seguir atrasando un servizo considerado esencial e impedir un posible incremento do gasto público derivado das custas xudiciais.

Finalmente, instaron á Deputación a cumprir os convenios asinados con outros concellos como Folgoso do Courel ou Portomarín, entre outros, co obxectivo de evitar novos incumprimentos e futuras condenas xudiciais.

0.12205481529236