O PP esixe a Loureiro reparar o pavimento das numerosas rúas, camiños e pistas en mal estado

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
3 Mar 2020

"O bo estado das infraestruturas é fundamental para a calidade de vida dos veciños. Cando chegar á casa esixe facer unha auténtica xincana entre fochancas á calidade de vida deteriórase. Pois iso ocorre en moitos puntos do Concello de Viveiro debido ao mal estado de rúas, pistas e camiños de titularidade municipal", di o PP de Viveiro. Os concelleiros do grupo popular, que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, esixen ao goberno presidido por María Loureiro que deseñe un plan de choque para acondicionar estas infraestruturas viarias.

Os membros do grupo municipal do PP din que "o mal estado en que se atopan camiños como o denominado Puxigueira, en Covas, débese á falta de mantemento periódico. O caso é que o deterioro dos pavimentos chegou a tal extremo que é preciso que o Concello poña mans a obra e repare os firmes. É necesario por moitos motivos, todos eles relevantes".

"É preciso amañar camiños e pistas porque os veciños teñen dereito a transitar por vías en bo estado; por un lado, porque nas condicións nas que se atopan algunhas delas, a seguridade vial vese considerablemente reducida. E ese é un aspecto fundamental desta cuestión: a seguridade. Circular sobre firmes cheos de fochancas é perigoso para automobilistas e peóns", engaden.

Outro aspecto relevante do problema é o da comodidade dos veciños; mellor dito, a incomodidade, porque as fochancas son incómodas e perigosas para os automobilistas, pero tamén para os peón, especialmente cando chove e están cheas de auga.

A vista da situación que se da en moitos puntos do municipio, os concelleiros populares reclaman da alcaldesa, a socialista María Loureiro, que adopte as medidas necesarias e deseñe un plan de choque para resolver o problema e fixe prioridades para a súa execución. É preciso, di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que a presidenta da corporación municipal saia da zona de confort na que está instalada, dese dolce far niente no que vive, porque o estado das infraestruturas viarias están moi mal por falta de conservación.

Os populares esperan que "a alcaldesa faga caso da súa reclamación e deseñe e aplique un plan de choque para a mellora das vías municipais. E avisan de que seguirán dando a coñecer casos de rúas, camiños e pistas en mal estado mentres non empecen as obras de reparación".

0.19748902320862