O PP esixirá ao Goberno da Deputación que garanta a igualdade de prezos na residencia de Becerreá

O Partido Popular levará ao pleno provincial unha iniciativa para esixir ao equipo de goberno da Deputación de Lugo que os prezos que paguen os usuarios da futura residencia de Becerreá sexan os mesmos que os establecidos no resto de centros da rede provincial.
No pleno do mes de febreiro, o PSOE e o BNG aprobaron a "Proposta da actividade económica e do réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá", un documento no que se recollen os aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do centro, e que establece os prezos que pagarán os futuros usuarios.
Sen embargo, o PP destaca que estes prezos serán un 60% máis altos que os de outros centros da mesma rede, "o que xera unha importante desigualdade".
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, subliña que mentres un veciño de Navia ou Pedrafita paga 1.390 euros ao mes por unha praza de residente dependente, un veciño de Becerreá terá que abonar 2.200 euros.
Ademais, desde o Grupo Provincial Popular lembran que no pleno de febreiro, o PSOE e o BNG non souberon explicar como se controlará o servizo que se prestará na residencia. Segundo a memoria aprobada, o centro licitarase a unha empresa privada baixo un sistema de xestión privada cun "canon 0", pero prevé beneficios anuais netos para a empresa de entre 220.000 e 357.000 euros, con un volume total de negocio de 77.829.639,16 euros.
Ameijide afirmou que o expediente aprobado certifica que o seu modelo de centros de atención a maiores "é un modelo fracasado", e denunciou que "o seu modelo é 100% privatizador". Segundo o PP, o obxectivo é entregar un edificio construído con fondos públicos a unha empresa para privatizar 96 prazas de residencia e 40 de centro de maiores.
Finalmente, os deputados populares exixen ao PSOE e ao BNG que pidan desculpas públicas polas que consideran "reiteradas mentiras" en relación á residencia de Becerreá, citando como exemplo que sempre defenderon que tiñan os fondos suficientes para equipar o edificio, pero na memoria aprobada establecen que será a empresa encargada da xestión quen terá que investir 1.394.343,29 euros en mobiliario, cociña, lavandería, cortinas e obras exteriores necesarias.