O PP lamenta a falta de imparcialidade da Federación Lucus Augusti tras analizar o seu financiamento público

LugoXa
Os populares sinalan que a entidade recibiu preto de 800.000 euros da Deputación en menos dunha década e piden explicacións sobre a súa actuación pública
ruta-cardiosaudable-da-Federación-Lucus-Augusti
5 May 2026

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, e outros deputados populares analizaron a documentación relativa ao financiamento público recibido pola Federación de Veciños Lucus Augusti e pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa desde o ano 2017 ata 2026, situando o volume de axudas da Deputación de Lugo en preto de 798.510 euros.

Tras este estudo, o PP expresou o seu malestar pola falta de imparcialidade que, ao seu xuízo, amosaría a federación veciñal, especialmente a raíz das protestas desenvolvidas no último pleno do Concello de Lugo. Ameijide sinalou que a análise das subvencións axuda a comprender a intensidade da súa implicación en determinados debates públicos e pediu aclaracións sobre a totalidade do financiamento recibido tamén doutras administracións.

Os populares preguntan se, ademais das axudas da Deputación, existiron outros apoios económicos ou de distinta natureza por parte do Concello de Lugo ou doutras institucións, e consideran necesario que se aclare o conxunto das relacións económicas mantidas co tecido asociativo.

Neste sentido, o PP pide explicacións sobre o financiamento destinado a estas entidades durante os anos de goberno municipal do PSOE, así como sobre a xestión destas subvencións por parte da Deputación.

Ameijide tamén criticou que parte das axudas se destinasen a diferentes conceptos como actividades, viaxes ou salarios de directivos, e reclamou maior transparencia na xestión dos recursos públicos.

Os populares insisten en que o debate non se centra na existencia do tecido asociativo, senón na necesidade de garantir a súa independencia e a correcta utilización dos fondos públicos, e consideran que se debe esclarecer o conxunto de axudas recibidas para evitar calquera dúbida sobre o seu funcionamento.

0.11285185813904