O PP leva á Deputación a abrir a residencia de maiores de Becerreá tras a sentenza do TSXG

LugoXa
Alberto Pazos esixe a posta en funcionamento inmediata das instalacións e reclama un modelo de xestión pública
PP_Residencia_Becerreá
17 Apr 2026

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, instou á Deputación de Lugo a abrir sen máis demora a residencia de maiores e o centro de día de Becerreá despois de que o TSXG emitise unha sentenza que obriga ao Goberno provincial a poñer en funcionamento estas instalacións.

Pazos fixo referencia ás 140 persoas que permanecen á espera dunha praza, tanto na residencia como no centro de día, denunciando que levan máis de catro anos pechadas “de maneira inexplicable” debido a un procedemento que cualificou de “interminable e incomprensible”. Neste sentido, reclamou ao Executivo provincial que adopte unha decisión inmediata, asegurando que “remataron as escusas” e que non existe ningunha xustificación para prolongar esta situación.

O dirixente popular realizou estas declaracións acompañado do portavoz local do PPdeG, José Fernández, e do deputado provincial Antonio Ameijide, tras manter un encontro con representantes veciñais. Durante a visita, puxo en valor a mobilización da cidadanía e dos responsables municipais, que levan tempo reclamando a apertura das instalacións, unha demanda que, segundo subliñou, conta agora co respaldo da xustiza.

En relación co modelo de xestión, Pazos defendeu que debe ser público, tal e como se contemplaba inicialmente, e criticou o cambio de criterio ao respecto, que considerou “incomprensible” tendo en conta que o investimento foi financiado con recursos públicos. Ademais, acusou a PSdeG e ao BNG de manter unha “dobre vara de medir” ao defender en determinados ámbitos a xestión directa dos servizos públicos e, ao mesmo tempo, optar por modelos diferentes cando teñen capacidade de decisión.

Finalmente, o portavoz parlamentario reivindicou o modelo da Xunta de Galicia como referencia na prestación de servizos sociais, destacando medidas como a finalización, neste primeiro semestre, da primeira fase do Plan de residencias e centros de día, que permitirá a apertura de 24 instalacións, así como a atención a 20.000 persoas a través do Servizo de Axuda no Fogar e a ampliación do Bono Coidado a 10.000 novos beneficiarios durante a actual lexislatura.

0.12011384963989