O PP leva ao pleno de Lugo iniciativas para mellorar servizos nos barrios e reclamar igualdade ferroviaria

O Grupo Municipal do Partido Popular presenta no pleno de xuño unha batería de mocións centradas na mellora dos servizos públicos en diversos barrios da cidade e na defensa dunha conexión ferroviaria en igualdade de condicións para Lugo.
A primeira das iniciativas que levan á sesión plenaria busca que o goberno local execute, sen máis demoras, o acordo aprobado por unanimidade en marzo de 2023 —por proposta do propio PP— para atender as necesidades do barrio do Castiñeiro.
Os populares lembran que todos os grupos acordaran daquela iniciar os estudos necesarios para dar resposta ás demandas da veciñanza. Agora, tras a formalización da permuta da parcela inicialmente destinada a vivenda protexida o pasado mes de febreiro, consideran que xa non existen escusas para seguir adiando o proxecto.
Propoñen habilitar un espazo público na esquina das rúas Lorenzo Varela e Ramón Piñeiro, dotado con instalacións adaptadas a distintas idades e necesidades. “Queremos un lugar de encontro no Castiñeiro, con servizos para maiores, actividades culturais e propostas sociais pensadas para a realidade do barrio”, explican.
O PP sinala que a falta de servizos neste barrio é un problema histórico que require unha resposta inmediata, e insiste en que o goberno debe cumprir os compromisos adquiridos no pleno, que contaron co respaldo de toda a Corporación.
Na mesma liña de defensa dos barrios, os populares presentan outras dúas mocións nas que denuncian o deterioro dos parques infantís e dos centros sociais municipais. Critican que a tempada de verán comece con espazos públicos en mal estado, sen planificación nin mantemento. Recordan que o contrato de mantemento dos parques infantís está caducado desde decembro de 2022 e que a falta de coordinación coa brigada municipal de xardíns está agravando a situación.
“Chega o verán e, no canto de parques preparados para o lecer das familias, temos espazos inseguros, abandonados e con deficiencias evidentes”, denuncian desde o grupo. Tamén alertan da situación de moitos centros sociais, socioculturais e de convivencia, onde aseguran que existen filtracións, avarías nos sistemas de calefacción e escaleiras de emerxencia inutilizadas. “Non se trata de grandes obras, senón de vontade política para coidar instalacións básicas que se están deixando deteriorar sen facer nada”, lamentan.
Finalmente, a cuarta moción do PP reclama ao Goberno de España que Lugo conte cunha conexión ferroviaria digna, equiparable á doutras capitais da contorna. Os populares consideran inadmisible que a provincia siga discriminada en materia de transporte por ferrocarril. “Non pedimos privilexios, senón igualdade. É unha cuestión de dignidade para Lugo”, conclúen.
VALORACIÓN Á SAÍDA DO PLENO
O Partido Popular lamentou o rexeitamento do goberno local a todas as iniciativas que presentaron no pleno, nas que se recollían demandas e compromisos concretos para barrios como O Castiñeiro, Galegos ou As Saamasas. “Mentres o alcalde presume dunha economía brillante, o certo é que co seu voto e coas súas decisións queda claro que unha parte da cidade queda no esquecemento”, sinalaron desde o grupo popular.
Para o PP, trátase dunha cuestión de prioridades, subliñando que o executivo local “segue a gastar recursos en proxectos como o coliving, o edificio Impulso Verde, o carril bici ou as caldas, que non achegan un valor engadido real á cidadanía, mentres quedan sen atender necesidades básicas que afectan á seguridade, á estética e, fundamentalmente, á igualdade entre barrios”.
Entre as iniciativas rexeitadas por PSOE e BNG figura unha moción de condena á corrupción e de apoio ao Estado de Dereito, vinculada, segundo os populares, a casos que afectan ao contorno do presidente do Goberno. Tamén lles causou sorpresa a negativa a reclamar unha conexión ferroviaria digna para Lugo, en igualdade de condicións co resto das capitais galegas. “Lugo non pode seguir sendo tratada como unha provincia de segunda. A discriminación que sufrimos no ámbito ferroviario é inaceptable e quen cala ou vota en contra, avala este abandono”, denuncian.
O PP tamén propuxo un plan de mantemento e mellora dos parques infantís, cuxo contrato está caducado desde decembro de 2022. Critican que hai xogos deteriorados sen substituír e lamentan que se minimice “un problema que afecta directamente aos máis pequenos”.
Outra das mocións instaba a actuar nos centros sociais, onde, segundo o PP, hai filtracións, sistemas de climatización estragados e escaleiras de emerxencia inutilizadas. “Coñecen perfectamente o estado destes centros, pero non asumen responsabilidades. Para nós, estes espazos non son un gasto, senón un investimento no benestar das persoas maiores e do tecido veciñal”, conclúen.