O PP leva ao Senado o mal estado da N-6a e reclama solucións urxentes

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, rexistraron no Senado unha pregunta dirixida ao Goberno de España para demandar aclaracións e, sobre todo, respostas concretas ante o acusado deterioro que presenta a estrada nacional N-6a ao seu paso polo concello de Becerreá. A iniciativa parte dunha solicitude do portavoz municipal do PP, José Fernández Carrete, preocupado pola situación dunha vía fundamental para o día a día da veciñanza.
O tramo afectado dá servizo aos núcleos de Cruzul, Ousón e Guillén e resulta esencial para os desprazamentos cotiáns de numerosos veciños e veciñas, que levan tempo soportando un firme moi degradado. Segundo denuncian os populares, ata o momento non houbo unha resposta eficaz por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, titular da infraestrutura.
En concreto, os problemas concéntranse entre os puntos quilométricos 464+700 e 467+200, onde o pavimento presenta numerosos buratos e zonas co firme completamente desfeito, o que dificulta a circulación e incrementa o risco para a seguridade viaria.
A través da súa pregunta parlamentaria, os senadores lucenses queren saber que actuacións específicas prevé o Executivo para emendar estas deficiencias e en que prazos pensa executalas. Consideran inadmisible que unha estrada nacional, baixo competencia directa do Estado, amose un grao de abandono tan evidente.
Desde o Partido Popular alertan tamén do crecente malestar entre a poboación, lembrando que se trata dun tramo moi transitado que leva moito tempo acumulando baches e danos sen intervención algunha. Por iso, insisten na necesidade de adoptar medidas urxentes, xa que, segundo subliñan, a veciñanza merece circular por unha estrada segura.