O PP levará ao pleno un plan para mellorar o mantemento dos polígonos do Ceao e das Gándaras

LugoXa
Os populares denuncian deficiencias na conservación, problemas de mobilidade e un transporte público insuficiente nestas áreas industriais
Alcantarilla-tupida-Benigno-Rivera-CEAO-PP
9 Mar 2026

O Partido Popular no Concello de Lugo presentará no vindeiro pleno unha iniciativa para reclamar ao goberno local a elaboración dun plan de actuación inmediata que permita mellorar o estado de mantemento e os servizos nos polígonos industriais do Ceao e das Gándaras.

Desde o grupo municipal denuncian a existencia de "problemas graves de conservación e abandono nestas áreas industriais, que afectan tanto á mobilidade como ás condicións nas que traballan centos de persoas e tamén aos usuarios destas zonas". Entre os exemplos citados polos populares destaca a situación da rúa dos Carros, onde existe un boquete no medio da vía "que leva anos sinalizado con valos municipais sen que se teña solucionado".

Segundo explican, non se trata dun caso illado, "senón dun conxunto de deficiencias que inclúe sumidoiros tupidos que provocan inundacións cando chove, beirarrúas deterioradas, presenza de fochancas no pavimento, falta de limpeza en diferentes puntos e sinalización ou mobiliario urbano en mal estado".

O portavoz popular, Antonio Ameijide, fixo especial fincapé na situación do polígono das Gándaras, unha área industrial de recente creación impulsada pola Xunta de Galicia que foi entregada ao Concello en perfectas condicións e que conta con infraestruturas modernas, estando considerado como un polígono cinco estrelas polas prestacións que ofrece. Con todo, segundo denunciou, "o Concello está a demostrar unha preocupante falta de mantemento neste espazo, con exemplos como a desaparición de sinais, alcantarillas sen tapa que tardan meses en repararse ou non se arranxan, problemas de conservación nas vías ou falta de limpeza en distintas zonas".

“Falamos dun polígono moderno, preparado para atraer empresas e investimento, pero que precisa dun mantemento constante para conservar esa calidade”, sinalan desde o Grupo Popular, que considera que esta situación evidencia unha falta de actuación do goberno local nun ámbito clave para a economía da cidade.

A iniciativa que os populares levarán ao pleno tamén inclúe medidas para mellorar o transporte público nos polígonos industriais. Segundo explican, "o servizo actual resulta insuficiente", xa que as frecuencias tanto no Ceao como nas Gándaras son escasas e non se adaptan aos horarios de entrada e saída dos traballadores. Por iso propoñen incrementar as frecuencias, axustar os horarios ao funcionamento destas zonas industriais e ampliar as paradas existentes.

Outra das prioridades que defende o grupo é reforzar a seguridade e mellorar a mobilidade nestes espazos, resolvendo problemas relacionados coa sinalización, a pavimentación ou o mantemento das medianas e das zonas verdes. “Coidar dos polígonos industriais é tamén coidar das empresas e das persoas que crean emprego en Lugo”, conclúen desde o Grupo Popular, que considera imprescindible actuar para que estas áreas sexan espazos seguros, cómodos e atractivos para investir, traballar e realizar compras.

0.12484288215637